Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Cincocentas caixas de madeira decoradas axudarán a comercializar produtos da terra nunha nova iniciativa do Concello, a Deputación e a Unión Europea para dinamizar o comercio do Casco histórico de Lugo


# Venres, 29/07/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde e o Presidente da Deputación entregaron os primeiros envases de madeira a comerciantes do centro da cidade que se sumaron a este proxecto do Plan Urban

As caixas foron deseñadas polos alumnos do curso de carpintería, fabricáronse no obradoiro de Aspnais e serven para a venda de queixos, viños, licores e marmelada ou mel

Outra iniciativa da Deputación xa facilita a 26 empresas a venda de 150 produtos e servizos por Internet grazas a súa plataforma de comercio electrónico


O Alcalde, José López Orozco, e o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, entregaron hoxe a primeira tanda de caixas de madeira decoradas a comerciantes do Casco histórico para que as empreguen como envase dos produtos autóctonos que teñen á venda. O acto celebrouse esta mañá na Praza de Abastos.

O Alcalde destacou que “se trata de poñer en valor o comercio de Lugo e tamén de contribuír á que teñan máis venda os produtos galegos que son de primeira calidade”.

O Presidente da Deputación sinalou que con estes envases “fanse máis atractivos os produtos que temos, que son fantásticos, ademais de axudar á labor social que fai Apsnais” e tamén destacou que está “é unha boa idea para axudar ó comercio que se suma a iniciativas como a colaboración da Deputación na venda a través de Internet e a divulgación dos nosos produtos”.

Esta é unha nova iniciativa do Plan Urban do Concello de Lugo, que financian a Unión Europea, a Deputación e o Concello, para dinamizar o comercio do centro da cidade e que tamén supón unha achega para aumentar a comercialización dos produtos autóctonos grazas a mellora que supón na presentación destas mercadorías.

O deseño das embalaxes fíxose coa colaboración dos monitores e alumnas/os do curso de formación ocupacional organizado polo Plan Urban sobre carpintería. Un dos traballos que se levaron a cabo nese curso foi o deseño de distintas caixas que serven de embalaxe para a distribución de queixos, viños e licores e outros produtos autóctonos como tarros de marmelada ou mel. As embalaxes fabricáronse e foron decoradas no obradoiro de Aspnais, a quen lle encargou ese labor o Plan Urban.

En total distribuiranse, ata o mes de decembro, 500 caixas tanto a postos situados na Praza de Abastos e o Mercado municipal como ós establecementos do Casco histórico que se adheriron a este proxecto, ós que se lles reparten de balde as embalaxes feitas en madeira de faia.


Os modelos de caixas son de sete tipos. Hainas para comercializar licor, para viño, para queixo, que son de catro tipos -un para queixos de tetilla, dous para un queixo galego mediano, que se poden envasar nunha caixa cadrada ou redonda, outra caixa cadrada serve para embalar dous queixos galegos medianos- e, finalmente, outro modelo serve para un lote composto por botella, queixo e tarro de marmelada ou de mel.

Axuda da Deputación para que as empresas vendan por Internet

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este venres que 26 empresas da provincia xa ofrecen a posibilidade de mercar 150 produtos a través da plataforma de comercio electrónico que o organismo provincial arrancou o día 20 de maio dentro do programa Innova-TE, cofinanciado nun 70% por fondos FEDER.

A iniciativa, que comezou a funcionar cunha oferta inicial de 100 produtos e 16 empresas, acadou un grande éxito, xa que en tan só sete días dende a súa posta en marcha a presenza de empresas e dos seus servizos aumentou en máis dun 30%. Coa nova medida o organismo provincial abre unha nova canle de venda, o que lles axuda ás empresas a subir o volume de beneficios e a manter e aumentar os empregos. Un exemplo da repercusión que pode ter a venda on line na actividade dunha empresa o caso de Bicicletas Guillermo, unha firma monfortina que factura o 70% das vendas a través deste sistema.

As últimas empresas adheridas son as seguintes: Dulce María Barro (Vilalba); E-scola (formación on line e a distancia), Óptica de La Torre e Peletería Lucus (Lugo); Casa Solariega de Cervantes; e restaurante Río Lea (Castro de Rei). Ademais, xa están cargadas na plataforma outras catro, pero non visibles porque aínda non presentaron toda a información: Avifauna, situada en Outeiro de Rei; perruquería Eduardo Souto e Lualco (alimentación e embutidos), en Lugo; e Queixería Valado, en Vilalba.

Por outra banda, outras 29 empresas, fundamentalmente do ámbito alimentario, xa se puxeron en contacto coa Deputación para solicitar información sobre este primeiro centro comercial virtual de toda a provincia, no que o organismo provincial 630.000 euros dentro do programa tecnolóxico e co que contribúe, por medio das novas tecnoloxías, ó desenvolvemento económico de Lugo e á promoción empresarial.

As firmas teñen deste xeito un espazo para anunciarse, vender e distribuír os seus produtos en novos mercados tanto nacionais como internacionais as 24 horas do día os 365 días do ano. Ofrécese tamén, por vez primeira, unha imaxe de marca dos produtos de Lugo de cara ó exterior, independentemente do provedor que os ofreza. Os usuarios poden acceder á plataforma entrando na dirección www.losproductosdelugo.com onde se atopan cun catálogo de produtos de alimentación, artesanía, moda, servizos de lecer e mesmo instrumentos musicais, entre outros.

www.lugo.es/urban

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova