Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello aposta polo benestar social coa ampliación do presuposto para a axuda no fogar


# Mércores, 03/08/2011
Antón Bao anunciou a integración da biblioteca municipal na Rede Galega de Bibliotecas e lamenta o recorte da Xunta a ditos fondos

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Sonia Méndez reclamou unha maior implicación da Xunta en materia de novas tecnoloxías dirixidas ás zonas rurais.


O Concello de Lugo adxudicará a iluminación do San Froilán por un importe máximo de 27.040 € e contratará a instalación de casetas para postos de venta cun orzamento de 39.530 € segundo anunciaron o Alcalde en Funcións, Antón Bao, e a Concelleira de Economía, Emprego e Autónomos, Sonia Méndez, despois da Xunta de Goberno Local.

O Alcalde en funcións, Antón Bao, informou que con data do pasado mércores 27 de xullo publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Cultura pola cal se resolve a integracion da Biblioteca Municipal de Lugo na Rede Galega de Bibliotecas. Bao aclarou que para materializar esta integración o Concello de Lugo deberá de asinar, nun prazo de 3 meses, un convenio coa Xunta de Galicia. Esta integración na rede galega permitirá acceder ás axudas e aos programas que se promovan dende a entidade autonómica.

Bao lamentou que “esta resolución da Xunta coincida coa aplicación, por parte da consellería de cultura, de recortes nos orzamentos destinados ás bibliotecas públicas que forman parte desa rede”. Segundo o Alcalde en funcións “a redución supera o 53 % respecto a outros anos e vai en detrimento das axudas que recibían as bibliotecas para a adquisición de libros e para a animación a lectura”. Do mesmo xeito lembrou que as bibliotecas son importantes axentes de dinamización cultural e todos estes recortes perxudican gravemente a actividade cultural no país.

En relación aos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local, Antón Bao, anunciou a aprobación da contratación da subministración e instalación de iluminación en diversas rúas da cidade durante o San Froilán 2011. Segundo indicou o Alcalde en funcións a instalación da iluminación ornamental deberá estar realizada o día 23 de setembro de 2011 no recinto feiral, e o día 4 de outubro no resto das rúas, prazas e entradas e permanecerá instalado ata o día 12 de outubro. O orzamento máximo previsto para a adxudicación é de 27.040 euros.

No referente á iluminación das festas do San Froilán instalaranse un mínimo de 228 arcos nas 10 portas da muralla e nun total de 40 rúas da cidade. Ademais colocaranse 4 rótulos luminosos anunciando FESTAS SAN FROILÁN nas principais entradas á cidade e un rótulo de RECINTO FEIRAL na glorieta Irmáns Pedrosa. Tamén se instalarán varias grilandas nas costas do parque. Bao aclarou que esta iluminación pode verse incrementada en función das mellores que presenten as empresas interesadas. O orzamento de contratación non varía respecto a anos anteriores nos que se conseguiron baixadas, por parte das empresas adxudicatarias, que supoñen un aforro aproximado dun 8 %.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe a contratación do alugamento de stands para mesas de venda durante o San Froilán 2011. Esta contratación terá un orzamento total de 39.530 euros. En canto ao prazo execución: os stands deberán estar instalados dende as 12,00 horas do día 23 de setembro de 2011 e permanecerán instalados ata as 12,00 horas do día 13 de outubro de 2011, ambos inclusive. Instalaranse un total de 78 stands que estarán distribuidos do seguinte xeito: 26 stands na Praza Maior e 52 stands nas rúas Puro Cora e Pascual Veiga (Pegados ao parque).

Servizo Atención no Fogar

Pola súa parte, a Concelleira de Economía, Emprego e Autónomos, Sonia Méndez explicou que se acordou a licitación do servizo público de axuda no fogar, “un dos contratos máis importantes que xestiona o Concello desde o punto de vista económico, pero tamén desde a perspectiva da relevancia social que supón”.

No que vai de ano o Concello atendeu a máis de 500 usuarios e a previsión é que se duplique nos próximos meses dado as características poboacionais de Lugo. Desta maneira, o goberno local pretende dar cobertura a todas as persoas declaradas dependentes e tamén a outras que o necesiten, polo que se vai a aumentar o orzamento do Servizo de Atención no Fogar en 340.000 euros, un 17% máis que no anterior contrato, para prestar 15.112 horas máis de servizo. En total o orzamento do contrato ascende a 2.333.000 euros e 148.800 horas de servizo.

Sonia Méndez incidiu en que “este goberno está cumprindo o compromiso para dar cobertura a poboación que máis o necesita e non só mantemos os presupostos nesta materia senón que os incrementamos”. Ademais a Concelleira manifestou que con este contrato se crea emprego xa que conta con 105 traballadores, na inmensa maioría emprego feminino.


Proxecto Parnet- tic

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a contratación dunha asistencia técnica, enmarcada no proxecto europeo Partnet-tic, e cun orzamento de 45.000 euros a través da cal se desenvolverán accións formativas en novas tecnoloxías dirixidas á poboación do rural o que permite continuar ata finais de ano coas actividades nos telecentros rurais.

O Concello de Lugo considera prioritario o acceso a Internet de toda a poboación por iso, a través do Plan E, procedeu a instalar conexión en 21 telecentros de diferentes parroquias. Unha tarefa que como lembrou Sonia Méndez “non tivo ningún tipo de apoio da Xunta polo que o Concello tivo que asumir competencias que Feijoo non exerce.” A este respecto, a Concelleira de Economía, lembrou que “tamén parece ser que este ano o Concello de Lugo queda excluído do Plan de extensión de banda larga da Xunta, a pesares de ser un municipio eminentemente rural.”

Sonia Méndez lembrou que “agora que se conta con esta infraestrutura é necesario que os veciños de todas as idades podan usala do xeito máis eficaz e para calquera finalidade”. A pretensión do Concello de Lugo é conseguir que todos os veciños se acheguen a administración electrónica e poidan realizar trámites sen necesidade de desplazarse a administración.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova