A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, presentou unha nova edición do programa europeo de formación Lugoqualitas. O obxectivo é permitir que mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, que acaban de rematar os estudos universitarios ou de Formación Profesional en Lugo, continúen o seu itinerario formativo a través da realización de prácticas profesionais en empresas europeas.
Este acción, enmarcado no programa de mobilidade europeo Leonardo Da Vinci, conta cunha duración de 9 semanas nas que se poden apuntar ata un máximo de 30 participantes que coñecerán o funcionamento dunha empresa europea do sector relacionado cos seus estudos e descubrirán o funcionamento dun novo mercado de traballo.
Para Esther Muñoz esta “é unha oportunidade única para poder coñecer as dinámicas de traballo en diferentes países e, a súa vez, mellorar e aprender unha lingua estranxeira, moi útil á hora de atopar traballo.”
En canto ao aprendizaxe de idiomas, os participantes contarán con 3 semanas de curso intensivo que lles permitirá mellorar os coñecementos de base e aprender vocabulario específico. Este ano os países receptores aumentan polo que os interesados poderán repartirse entre Italia (Florencia), Irlanda do Norte (Belfast) ou Alemania (Hamburgo).
A Concelleira quixo “facer un chamamento a todos os mozos e mozas de Lugo para que participen e soliciten estas prácticas en Europa xa que cremos que son interesantes para a súa formación profesional e persoal.”
Para máis información pódense dirixir ao Centro de Orientación Laboral Espazo Lab aínda que ata finais de setembro non se farán públicas as bases para solicitar unha praza neste proxecto.