Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Goberno Local aprobou modificacións nos proxectos da nova sede da Policía local e na biblioteca da Piringalla


# Mércores, 17/08/2011
Antón Bao informou que máis de 5.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Lugo nos primeiros 15 días de agosto

Imaxe Asociada
Sonia Méndez anunciou a denegación por parte da Xunta dunha axuda para a mellora dos equipamentos comerciais


Lugo recibiu, na primeira quincena de agosto, máis visitantes que en calquera dos meses anteriores. Lugo recibiu unha media de 345 visitas diarias, superando a media do mes de xullo que fora de 206 visitantes. Un total de 5.174 persoas acudiron á Oficina Municipal de Turismo, ubicada na Praza do Campo, para demandar información sobre a cidade, segundo os datos facilitados hoxe polo responsable de turismo, e alcalde en funcións, Antón Bao.

Os datos revelan, segundo Antón Bao, “un incremento significativo no número de visitantes (26%) respecto ás mesmas datas do pasado ano”. Ao igual que sucedeu no pasado mes de xullo, os datos relativos ás visitas non coinciden cos datos facilitados coa Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería que constatan unha baixada no número de pernoctas respecto ao ano anterior. Segundo o responsable de turismo do Concello de Lugo “a pesar de que os datos non son coincidentes tampouco son contraditorios xa que aínda que aumentou o número de visitantes si que é posible a redución nas estadías e no gasto dos turistas durante a súa estancia na cidade”.

Segundo o tenente-alcalde “son moitas as persoas que visitan a cidade sen pernoctar xa que están de paso ou ben, en moitos casos, os que visitan a cidade son segundas e terceiras xeracións de emigrantes que no verán voltan ás casas familiares e aproveitan para facer turismo de proximidade visitando as cidades e vilas galegas”. De feito o 85 % dos visitantes proceden doutras partes do estado español e o maior número acuden a Lugo dende lugares que son, tradicionalmente, destinos da emigración galega como Madrid, Catalunya e Euskadi.

Na primeira quincena de agosto Lugo tivo un total de 5.174 visitantes, unha cifra que superou o número acadado no mes de xullo, que fora o mes con máis turistas (4.738), seguido de xuño (3.621) e abril (3.299) por coincidir neste mes este ano a Semana Santa. Na ponte do 15 de agosto Lugo tivo 1.331 visitantes, cifra que superou, en visitas, á ponte do 25 de xullo con 1.011 visitas á Oficina Municipal de Turismo.

En canto á procedencia dos visitantes, nesta primeira quincena de agosto, foron maioritariamente procedentes do estado español. O maior número de visitantes procedía, por esta orde, de: Madrid (1075), Catalunya (778), Euskadi (429), Andalucía (384) e Valencia (327), despois figuran outras comunidades como Castela-León (289) e Castela - A Mancha (189) ou Asturias (140). Respecto aos visitantes estranxeiros Lugo tivo un total de 777 visitantes durante a primeira quincena de agosto. Os lugares de orixe con máis visitantes foron Francia (206), Italia (166), Arxentina (73) e Reino Unido (49); tamén é considerable o número de visitantes procedentes Xapón (26).

Os datos de turismo en Lugo

  ANO 2011 ANO 2010
Xaneiro 630 894
Febreiro 1.150 1.052
Marzo 2.118 2.444
Abril 3.299 3.079
Maio 2.939 2.695
Xuño 3.621 3.752
Xullo  4.738 4.526
Agosto (ata o día 15) 5.174 4.103
TOTAL (1 xaneiro ao 15 de agosto) 23.669 22.545

Nova Sede da Policía Local e Protección Civil

Pola súa parte, a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez explicou os acordos aos que se chegou na Xunta de Goberno Local e nos que se aprobou a modificación do proxecto da nova sede da Policía Local e Protección Civil e da biblioteca da Piringalla.

Sonia Méndez incidiu en que “son melloras realizadas no proxecto e consensudadas polos equipos redactores dos proxectos e os técnicos municipais. A necesidade destas obras detectouse no momento da execución das mesmas”. As modificacións son a urbanización exterior da zona, a instalación dunha sala de tiro, unha zona de emerxencias nas que se instalarán camas para que o persoal, en caso de emerxencia, poida descansar e en equipamentos do interior.

“As melloras son de 1.200.000 euros que a adxudicataria ofertou e que se fai cargo deles sen afectar ao presuposto inicial da obra sin custe para o Concello” segundo informou a Segunda Tenente de Alcalde.

Sonia Méndez quixo deixar claro que “son dúas modificacións dos proxectos sen custes nin incrementos para o Concello, agás que se incrementa o prazo de finalización en catro semanas.” Desta maneira agárdase que as obras da nova sede da Policía Local estén rematadas a principio de outubro e comece a funcionar a principios do ano 2012.

A construción da nova sede da Policía Local e de Protección Civil ocupa 5200 metros cadrados de superficie e conta cun orzamento de 3.100.000 euros máis 1.200.000 de melloras sen custo para o Concello.

Ampliación do prazo da Biblioteca da Piringalla

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, tamén explicou en que consiste a modificación do proxecto da biblioteca da Piringalla que
“afectan a súa estrutura e aos muros pero non a súa distribución nin ao aspecto exterior.”

Os prazos de finalización de obra tamén aumenta en catro semanas polo que se agarda este rematada a principios de novembro e comece o seu funcionamento a principios do próximo ano.
A biblioteca estará preparada para atender a unha poboación que ronda os 20.000 cidadáns. O investimento na construción da biblioteca da Piringalla é de 1.047.883 euros máis unha mellora de 177.156 euros que ofreceu a empresa adxudicataria da obra.
A biblioteca da Piringalla será un auténtico núcleo cultural para esta zona de Lugo. O edificio da biblioteca ten un sótano no que estará o depósito de libros e haberá diferentes salas. Na planta baixa, que será a planta de acceso, estará a zona infantil e contará cunha sala polivalente; no primeiro piso estará a hemeroteca e, na segunda, a biblioteca propiamente dita. No baixo-cuberta situaranse as oficinas. A superficie total construída será de 1.303 metros cadrados.

A Xunta deixa sen axudas ao comercio lucense

O Goberno local quixo denunciar, unha vez máis, a falta de implicación da Xunta de Galicia con Lugo ao denegar unha axuda para a mellora do comercio. Desta maneira, Sonia Méndez lembrou que “segundo se publicou nos medios de comunicación parece que a Xunta segue coa súa espiral de denegacións de financiamento ao Concello de Lugo ao retirar axudas económicas para a mellora do comercio lucense.”

“Non recibimos resolución algunha pero referímonos as subvencións para a mellora de equipos comerciais nos concellos que ascenden a 1.500.000 euros dos que Lugo non recibirá nada” segundo manifestou Sonia Méndez.

No seu día o Concello de Lugo presentou en forma e cumprindo todos os requisitos unha solicitude de subvencións para mellora de rúas comerciais do centro histórico e outra para mellorar a Praza de Abastos, ambas axudas parece que serán denegadas a pesar de cumprir perfectamente as bases da Orde. Os proxectos tiñan unha contía de 150.000 euros que o Concello cofinanciaba.

Sonia Méndez incidiu en que “a Xunta aproveita as subvencións de concorrencia competitiva para favorecer unicamente aos concellos do PP e prexudicar aos que son doutro signo. Cando é a UE a que reparte directamente os fondos Lugo obtén importantes contías e proxectos (LugoqualitasII), cando os reparte a Xunta, non lle toca nada. O máis grave é que se trata de fondos FEDER, que deben cumprir uns obxectivos marcados pola Unión Europea.”

O Goberno Local pediu, unha vez máis, que a Xunta reparta con criterios obxectivos os fondos que corresponden aos municipios. Isto daría seguridade e estabilidade aos concellos que non dependen dos caprichos e castigos do goberno autonómico.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova