Imprimir

JOSÉ MANUEL GRANDÍO PRESENTA A XXIII EDICIÓN DO TRIATLÓN DO MIÑO QUE TERÁ LUGAR O VINDEIRO 4 DE SETEMBRO


31/8/2011 Nesta edición daranse cita a 250 triatletas na Área Recreativa de Os Robles

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío e o Presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva, presentaron hoxe a XXIII edición Triatlón do Miño que terá lugar o vindeiro domingo 4 de setembro na Área Recreativa de Os Robles, organizada pola agrupación deportiva FeFeMe, Federación Galega de Triatlón, Lodeco S.L. e Club Triatlón Cidade de Lugo Fluvial, en colaboración coa Área de Deportes do Concello de Lugo, nun acto no que tamén estivo presente Miguel Fernández como representante da organización do evento.

Grandío cualificou o Triatlón como “unha proba deportiva cunha organización complexa, que ano a ano en Lugo colle forza e que se organiza con bastantes garantías de que non haxa incidentes”

O Presidente da Federación sinalou “que esta edición do Triatlón do Miño vai ter unha participación moi importante: 250 triatletas”. Lembrou tamén que serán 4 as saídas. Na primeira, unha proba popular para deportistas non federados, participarán 78 persoas a partir das 10 da mañá. As 11 horas, será a saída da proba feminina, na que participarán 28 rapazas, cunha distancia spring, 750 metros de natación, 20 Km sobre a bici e 5 Km de carreira a pé. Ás 11.10 horas será a saída masculina, e por último ás 12.30 horas a da competición masculina dos mellores deportistas galegas, polo tanto o final da competición xira en torno ás 13.30 horas.

Francisco Villanueva informou dos participantes favoritos desta edición. Na proba feminina destacan, entre as deportistas do Cidade de Lugo Fluvial e xa vencedores en edicións anteriores, Aida Valiño e Estefania Domínguez e tamén Melina e Camila Alonso do Triatlón Ferrol son as catro con máis opcións para estar no podio final.

En canto ó masculino, no equipo local destaca Jesús Gomar, campión das últimas edicións, Mickey Acosta, Pedro Nuno Arauxo e Alberto Trillo, Brais Canosa e Diego Paz, internacionais da categoría Junior, de Compostela.

Pola súa banda, Miguel Fernández explicou que a natación será na Área Recreativa dos Robles, onde estará situada a transición, o ciclismo será un circuíto a tres voltas polo Paseo do Ombreiro dende os Robles ata a estación elevadora, e a carreira a pé discorrerá polo Paseo Fluvial dende Os Robles ata a fábrica de luz.

O representante da organización do evento animou o público lucense a presenciar esta proba e a ver este bonito espectáculo e tamén agradeceu “ó Concello de Lugo, á Protección Civil e á Policía Local o traballo que realizan nesta proba garantindo a seguridade dos participantes.”


O Triatlón do Miño é a última proba do circuíto galego de Triatlón 2011 e a última clasificatoria para o Campionato Galego de Triatlón que se celebrará na cidade de A Coruña. Os 30 primeiros clasificado desta edición do Triatlón clasificaranse para a final galega.

Na proba clasificatoria para o campionato galego a recollida de dorsais será na carpa nas inmediacións dos boxes en Os Robles dende as 09.00 horas ata as 09.45 horas mentres que a dotación de premios será as 14.00 horas. Ós tres primeiros clasificados ou clasificadas de cada categoría outorgaráselles un trofeo mentres que nas probas feminina e masculina B os premios económicos serán de 150 euros, 100 euros e 50 euros respectivamente e os primeiros clubs 100 euros.

Na proba popular, a categoría infantil, cadete, junior, sub-23, absoluta e veterán, deberán recoller os dorsais na carpa da organización o propio domingo de 08.30 a 09.30 horas. Os premios ofertados para esta proba son trofeos para os tres primeiros de cada categoría e un agasallo conmemorativo da proba para todos os que rematen dita proba.