Imprimir

O GOBERNO MUNICIPAL PÍDELLE Á XUNTA QUE NON POÑA EN PERIGO OS INVESTIMENTOS PREVISTOS PARA LUGO COA SÚA "POLÍTICA DE RECORTES"


31/8/2011 Luis Álvarez informou de que obras como o Plan Paradai, a ronda Leste e o Museo da Romanización poderían estar en perigo

Paz Abraira anunciou que se aprobaron os proxectos para a rehabilitación da Ponte Romana e para a mellora do servizo eléctrico na zona de San Fiz

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a contratación do proxecto complementario de melloras no novo edificio da Policía Local segundo adiantou o concelleiro Luis Álvarez. Estas actuacións serán nos revestimentos das fachadas e solos do edificio e nos equipamentos interiores.

Luis Álvarez lembrou que “o que se fai aquí é aprobar as melloras que propuxo a empresa adxudicataria das obras. Como consecuencia queremos resaltar que esta modificación de proxecto non supón incremento nin custe algún ao Concello na construción deste novo edificio que se agarde estea rematada para finais de setembro.”

Cando se fixo o concurso de adxudicación desta actuación, priorizáronse as melloras que se puidesen introducir no proxecto en lugar das baixas que puideran realizar sobre o orzamento de execución das mesmas. O Concelleiro de Urbanismo anunciou que o traslado completo dos servizos de policía local e protección civil está planificado para principios do 2012.

Os voceiros dos grupos políticos que compoñen o goberno do concello de Lugo manifestaron hoxe a súa preocupación polo anuncio feito polo conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Tanto o socialista Luís Álvarez, como a nacionalista Paz Abraira, coincidiron en sinalar que os recortes en infraestruturas non se poden producir, en ningún caso, en Lugo. Para os voceiros do goberno municipal “Lugo non pode pagar os recortes coa eliminación de investimentos que son fundamentais para o desenvolvemento da cidade”. Segundo manifestaron, tanto socialistas como nacionalistas, “dende o goberno do concello de Lugo consideramos que non debe de haber ningún retraso nin recorte orzamentario nas infraestruturas previstas para Lugo”.

Luis Álvarez manifestou a súa preocupación por tres proxectos concretos, fundamentais para Lugo, que poden correr o risco de verse afectados por estes recortes. Os proxectos aos que se referiu o alcalde en funcións son tres. A pesares de que estes proxectos xa foron comprometidos por representantes do goberno galego co concello de Lugo aínda non foron licitados. Os tres proxectos que están pendentes de ser executados pola Xunta de Galicia, e aos que se referiu esta mañá Álvarez, son os da Ronda Leste, Plan Paradai e o saneamento da zona rural.

No caso da Ronda Leste o orzamento previsto supera os 20 millóns de euros e neste momento o proxecto está en fase de redacción. Segundo afirmou o alcalde en funcións “hai un compromiso do conselleiro para efectuar este investimento, a través do plan MOVE, no ano 2012”.

Respecto ao Plan Paradai o orzamento achégase aos 10 millóns de euros e neste momento a obra está pendente de licitación. En decembro do 2010 asinouse un convenio no que a Xunta prevee a finalización das obras a 31 de decembro de 2014. O concello de Lugo realizou un grande esforzo para poñer os terreos precisos a disposición da Xunta e foron moitos os veciños e veciñas afectadas polas expropiacións de terreos para poder levar a cabo este proxecto. Unha vez que o concello de Lugo rematou coa tramitación dos proxectos e puxo os terreos a disposición da administración autonómica so queda proceder á licitación das obras.

Paz Abraira engadiu tamén a necesidade de manter os compromisos, por parte da Xunta, de dúas obras como son Auditorio e o Museo da Romanización. Tal e como explicou a edil nacionalista “son obras comprometidas e tremendamente necesarias para o noso concello”. Existe un compromiso da Xunta co concello de Lugo para efectivizar a redacción do proxecto no ano 2011 e licitar a obra no 2012. Hai que lembrar que o edificio do Cuartel de San Fernando foi posto a disposición da Xunta no ano 2008.

Melloras eléctricas na zona de San Fiz e rehabilitación da Ponte Romana

Dentro dos asuntos da orde do día da xunta de goberno, a nacionalista Paz Abraira deu conta da aprobación do proxecto para as obras de mellora da rede eléctrica na zona de San Fiz. O proxecto contempla unha liña de media tensión de 20 Kv e dous centros de transformación. A execución destas obras vai dirixida a resolver o problema de subministro de enerxía eléctrica da zona mentres non se realicen as obras que configuran de xeito definitivo o sistema e que están pendentes das obras de urbanización do polígono Sur-K. O importe das obras previstas no proxecto é de 180.899,19 €.

Paz Abraira tamén deu conta da aprobación do proxecto técnico das obras de rehabilitación da Ponte Vella. Abraira indicou que “este é un paso necesario para continuar co proceso administrativo que permitirá iniciar o vindeiro ano as obras de rehabilitación”. O presuposto total destas obras é de 949.950,00 €.