Cargando....
Concello de Lugo
16/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentada a campaña de socios do Ensino que este ano celebra o seu 30 aniversario


# Xoves, 01/09/2011
O Concelleiro de Deportes agradece o traballo do clube e anima ós lucenses a apoiar ó Ensino

Imaxe Asociada
O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, participou hoxe na presentación da campaña de captación de socios que pon en marcha de cara á nova temporada o Clube de baloncesto Ensino, que este ano conmemora o seu 30 aniversario. Na presentación da campaña, que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello, tamén participaron Marta Sureda, tesoureira do Clube; Santiago Argüeso, Vicepresidente, e Fernando Fernández Allende, vocal do Ensino.

O Concelleiro de Deportes expresou a súa confianza en que esta campaña de captación de socios “vai ter unha boa acollida” e agradeceu o traballo que leva a cabo o Ensino “non só co primeiro equipo senón tamén o labor que fai na canteira”.

Pola súa parte, Marta Sureda manifestou que se manteñen os prezos en niveis “que nos parecen asequibles, xa que unha persoa que queira ver baloncesto poderao facer pagando desde 20 euros porque queremos impulsar o espírito de colaboración do pobo de Lugo co equipo, nun momento no que minguan as axudas pola situación económica”.

Segundo explicou, haberá distintas modalidades de colaboración que van dende o socio protector, cun custe de 200 euro, ata o colaborador, que suporá un desembolso de 50 euros. O carnet de adulto custará 20 euros e o carnet junior, para menores de 14 anos, que terá un custo de 10 euros.

Os carnets pódense facer de 10.00 a 14.00 nas oficinas de clube, situadas no Pazo Universitario, ou en horario comercial nos establecementos colaboradores Manel Sánchez e Durán Maquinaria Agrícola.

Marta Sureda sinalou que o reto que se marca a directiva é chegar ós 2.500 socios, aínda que recoñeceu que se trata dun obxectivo moi ambicioso.

Ademais desta campaña de captación de socios, o Ensino, que este ano celebra o seu 30 aniversario, organiza unha cea que vai ter lugar o día 24 de setembro ás 22.00 horas no restaurante do Hotel Méndez Núñez que servirá para recadar fondos e na que se reunirán antigas xogadoras, entrenadores e directivos. As tarxetas pódense recoller de 9.00 a 14.00 nas oficinas do Clube e o seu prezo é de 50 euros.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova