Imprimir

O CONCELLO ADICA CASE 223.000 EUROS A ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES NOS COLEXIOS PÚBLICOS


7/9/2011 A Xunta de Goberno abre o proceso de contratación da mellora do alumeado público en catro rúas do Casco histórico cun orzamento de máis de 121.000 euros

Tamén se aprobaron modificacións na ordenanza de espazos públicos adicados á venda ambulante para impedir a venda de vehículos na vía pública por empresas

O Concello de Lugo mantén o seu compromiso de apoio ó ensino público e a súa aposta pola educación e o benestar social nos investimentos municipais e vai adicar 222.976 euros á organización de actividades extraescolares e complementarias nos colexios públicos do noso municipio, financiadas pola institución local a través da Concellería de Educación. A Xunta de Goberno local acordou hoxe a actualización do prezo do contrato para a prestación deste servizo coa aplicación dun 3,23% de acordo co IPC, segundo explicaron os Concelleiros de Urbanismo, Luis Álvarez, e de Infraestruturas, Paz Abraira, na rolda de prensa posterior a reunión que celebrou o Goberno local.

Álvarez lembrou que o Concello de Lugo “foi pioneiro” na implantación deste tipo de servizos que inclúen tanto a organización de actividades extraescolares como os comedores escolares nos colexios públicos que contribúen a facilitar a conciliación familiar e laboral.

Ademais, a Concelleira de Infraestruturas anunciou a posta en marcha do procedemento para a contratación das obras de mellora do alumeado público en catro rúas do Casco histórico da cidade. Este proxecto de mellora do alumeado público acometerase nas rúas Teatro, Ánxel Fole, Progreso e parte da rúa Nóreas e sairá a licitación cun orzamento máximo de licitación de 121.531 euros e cun prazo de execución de tres meses.

Paz Abraira explicou que o proxecto levarase a cabo con financiamento do Concello que aportará 47.229 euros, do Ministerio, que achegará 46.811 euros, e da Xunta, cunha achega de 27. 490 euros.

A Concelleira de Infraestrutura salientou “con estes fondos vaise acometer esta obra e vaise seguir avanzando na mellora da iluminación pública no Casco histórico de Lugo e vanse empregar materiais acordes co entorno, xa que estamos falando da zona monumental da cidade”. Abraira tamén sinalou que “o prazo de execución é de tres meses, de xeito que a finais deste ano, unha vez realizado o proceso de contratación, acometerase a realización da obra e a substitución das luminarias existentes por outras máis eficientes”.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou na súa reunión de hoxe a modificación da Ordenanza de espazos públicos adicados á venda ambulante para prohibir a venda de vehículos na vía pública por parte de empresas dando a debida cobertura a venda de vehículos particulares efectuada polos seus titulares de xeito illado e puntual.

O Concello tamén lle deu o visto e prace a unha licenza solicitada pola empresa Decathlon para facer movementos de terras na parcela R, na esquina das rúas A e D do Parque Empresarial das Gándaras.