Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentada a 33 edición da Semana Internacional de Cine de Autor, que achegará a Lugo 40 peliculas do 18 ao 25 de setembro


# Xoves, 08/09/2011

A edición deste ano homenaxeará ao actor galego de cine e teatro Antonio Casal e arrincará coa proxección dun documental sobre o Alzheimer



Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O tenente alcalde, Antón Bao, anunciou que de cara ao ano que ven o Concello porá en marcha durante todo o ano unha programación de cine non comercial e de calidade en Lugo

A 33 edición da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo traerá á nosa cidade 40 películas do 18 ao 25 deste mes, nunha edición que arrincará cunha proxección sobre a enfermidade do Alzheimer e que homenaxeará ao actor galego de cine e de teatro Antonio Casal.

O acto de presentación tivo lugar esta mañá no Concello de Lugo coa presenza do tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Antón Bao, e de Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, ademais de Xulio Xiz, presidente do grupo Fonmiñá, e Manuel Curiel, director do Festival, así como Pedro Herrera, vicerreitor de Coordinación do campus universitario de Lugo, e Sinesio Pérez, xerente en Lugo da Fundación NovaCaixaGalicia.

As proxeccións realizaranse no Auditorio Gustavo Freire, na Biblioteca Provincial, Deputación Provincial, no Vicerreitorado da Universidade, na Sala Caixa Galicia e no Museo de Lugo e os actos comezarán o día 17, na Praza Horta do Seminario, onde o pintor lucense Miguel Macía pintará a silueta do Ford Gran Torino de Starsky e Hutch, que se encherá de moedas durante todo o día e a recadación destinarase a AFALU (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Lugo).

As galas da Semana de Cine centraranse na figura de David Soul, Hutch na serie Starsky e Hutch, e tamén no Alzheimer, coa proxección do documental Bicicleta, Cuchara, Manana de Carles Bosch, que narra a cruzada do político Pasqual Maragall contra a enfermidade. Ao longo destas xornadas dedicadas ao Cine de Autor, proxectaranse tamén obras como o documental Memorias dun cine de provincias, ou películas como El hombre que se quiso matar e La cena, ademais de curtametraxes e obras dedicadas a público infantil. Por outra banda, realizaranse diversas actividades culturais como espectáculos de maxia, subasta de cadros, exposicións ou actuacións teatrais polas rúas de Lugo.

Lugo terá unha programación de cinema non comercial durante todo o ano

O acto de presentación destas xornadas, que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, tivo lugar diante da casa do concello de Lugo, onde o grupo teatral Achádego representou un fragmento dunha das súas obras, que recrea a gravación dunha película. Na rolda de prensa de presentación, que se desenvolveu no salón de plenos do Concello, o tenente alcalde e responsable de Cultura, Antón Bao, anuncio que o Concello porá en marcha o ano que vén unha programación de cine non comercial na cidade durante todo o ano “para que os afeccionados ao cinema en Lugo teñan a oportunidade de ver cine de calidade fóra do que é a Semana de Cine”. Bao tamén anunciou a creación dunha “axenda cultural única” que unifique e coordine todos os actos e actividades culturais organizadas na cidade polas distintas institucións e asociacións, e non deixou de reclamar asemade a “axilización do novo auditorio para que canto antes haxa un novo espazo para a Semana de Cine e outras actividades culturais da cidade”.

Pola súa banda, o delegado de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, lembrou que “esta é unha cita xa consolidada na axenda cinematográfica a nivel estatal, que nesta edición de seguro repetirá ou superará o éxito acadado na anterior, durante a cal preto de 7.000 persoas asistiron ás proxeccións que se realizaron na cidade”.

Os organizadores da Semana de Cine, Xulio Xiz e Manuel Curiel, foron os encargados de explicar as características desta edición número 33, anunciada polo cartel ADN de autor, de César Núñez. Xulio Xiz lembrou que “os médicos mandan dicir 33 para saber se unha persoa goza de boa saúde, pois nós temos que dicir que esta Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, que chega á súa 33 edición, goza de moi boa saúde”, afirmou. Aproveitou tamén para loubar a figura de Manuel Curiel, director dende hai 33 anos da Semana de Cine.

Antonio Casal

Con esta XXXIII edición da Semana de Cine, réndese homenaxe a Antonio Casal (Santiago de Compostela, 10 de xuño de 1910-Madrid, 11 de febreiro de 1974), actor que comezou a súa andaina en grupos de teatro e debutou no cine co filme Polizón a bordo (1941), para converterse nun dos principais galáns do panorama estatal, protagonizando sobre todo películas cómicas como Doce lunas de miel (1943), de Ladislao Vajda, La torre de los siete jorobados (1944), de Edgar Neville o El fantasma y Doña Juanita (1944), de Rafael Gil.

A principios dos 50 montou unha Compañía de Revista con Ángel de Andrés (1950-1957) e máis tarde, unha propia coa que obtivo grandes éxitos. Tamén dirixiu e produciu obras teatrais e participou en series de TVE que lle deron gran popularidade, como Palma y Don Jaime (1959), Plinio (1972) e Animales racionales (1972).

Máis información: semanadecine.delugo.info/solo-semana-de-cine-2011/2011




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova