Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

40 bares e restaurantes da cidade participan dende hoxe no Concurso de tapas


# Venres, 09/09/2011
Ofrecerán as súas creacións ata o día 25 dentro das modalidades de tapa tradicional e tapa innovadora

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Haberá premios para as persoas que proben as tapas e as puntúen. Por primeira vez as votacións poderán facerse dende a páxina web lugoturismo.com

Este mediodía deu comezo a sétima edición do Concurso de Tapas de Lugo, organizado pola Concellaría de Turismo. 40 establecementos de Lugo participan nesta edición. Os bares e restaurantes participantes ofrecerán as súas creacións a mediodía e pola noite ata o día 25 dentro de dúas modalidades a concurso: tapa tradicional e tapa innovadora.

O tenente alcalde e responsable da área de Turismo, Antón Bao, abríu esta mañá oficialmente o Concurso de Tapas acompañado polo presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelaría, Cheché Real, visitando varios dos establecementos participantes. O horario para probar as tapas nos distintos bares e restaurantes é de 1 a 3 e media da tarde e de 8 a 10 e media da noite.

Haberá diversos premios que se sortearán entre as persoas que proben as distintas tapas e participen no concurso. As puntuacións poderán depositarse nos propios establecementos a través dun cupón que poderá ser depositado nunhas urnas ao efecto nos distintos bares. Este ano ademais, e por primeira vez, poderase votar por internet, a través da páxina web lugoturismo.com.

Entre os participantes sortearanse fins de semana en casas de turismo rural, estancias en hoteis de Lugo, bonos termais ou viaxes turísticos pola Ribeira Sacra. O Concurso de Tapas pretende poñer en valor a calidade gastronómica de Lugo como atracción turística e incentivar aos bares e restaurantes a innovar e mellorar en calidade.

Este ano ademais o Concurso de Tapas coincide coa celebración na nosa cidade do Congreso Mundial do Xamón, que se desenvolverá en Lugo do 21 ao 25 deste mes.

Atractivo turístico

Bao destacou que o Concurso de Tapas que se desenvolve na nosa cidade este mes é “un atractivo turístico máis” para Lugo un mes antes do San Froilán, polo que o responsable de Cultura e Turismo do Concello explicou que este ano se fixo un importante traballo de difusión do Concurso de Tapas fóra de Lugo, no resto de vilas e cidades galegas. O tenente alcalde explicou que “co San Froilán e con actividades como este Concurso de Tapas ou coa Semana Internacional de Cine de Autor que comeza a semana que vén, Lugo convértese na cidade máis turística de Galiza no outono”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova