Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Unha xornada adicada aos máis pequenos pechará a Mostra de Vellos Oficios, pola que pasaron nos meses de verán 60 artesáns


# Domingo, 11/09/2011
Este domingo seis artesáns ensinarán a fabricar xoguetes tradicionais, como bonecas de trapo, bolos ou tiraareas aos nenos e nenas que se acheguen, que poderán logo xogar con eles.

Antón Bao visitará a Mostra e fará balanzo dunha actividade que encheu de vida as rúas de Lugo durante os meses do verán e ofreceu un atractivo máis tanto aos lugueses como aos turistas que se achegaron á cidade durante esta época.

A Mostra de Vellos Oficios, que trouxo á cidade de Lugo durante os meses de verán a 60 artesáns procedentes de toda Galiza péchase esta fin de semana cunha xornada adicada aos máis pequenos. Este domingo, durante todo o día, o fondo da Praza Maior de Lugo converterase nun inmenso espazo de xogos onde os nenos e nenas que se acheguen poderán confeccionar os seus propios xoguetes e probalos.

Durante todo o día, en horario de de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30 horas, seis artesáns especializados na fabricación de xoguetes tradicionais e grandes coñecedores dos xogos populares galegos axudarán aos máis pequenos a elaborar bonecas de trapo, bolos ou titaareas e ensinaranlles a empregalos. Durante todo o día haberá mostra de xoguetes e exhibición de elaboración artesanal de distintos xoguetes e, sobre todo, tanto nenos como maiores poderán xogar con eles e gozar con xogos populares galegos.

Os encargados de ensinar aos nenos e nenas de hoxe xogos e xoguetes de antes, xa perdidos en moitos casos, serán Florentina Mariño González, especialista na fabricación de bonecas de trapo. Xosé López González e Manuel García Fernández, que escribiron o libro Os xoguetes esquecidos, premiado pola Federación de Libreiros de Galicia como mellor libro do ano 2002. Xosé é profesor e Manuel  é carpinteiro e posúen unha ampla colección de xoguetes antigos coa que montarán este domingo unha pequena mostra. Ademais, Manuel realizará unha exhibición da fabricación artesanal de xoguetes tradicionais galegos. Tamén virán tres artesáns da Asociación de Xoguetes Tradicionais de Muimenta (XOTRAMU) que fabrican xoguetes de xeito artesanal, por exemplo bolos.
 
O responsable de Cultura e Turismo, Antón Bao, visitará pola mañá a Mostra de Vellos Oficios e fará balanzo desta actividade que encheu de vida as rúas de Lugo durante todo o verán tanto para o disfrute dos lugueses e luguesas como dos turistas que visitaron a cidade nestes meses e que, ao mesmo tempo, pretende recuperar e apoiar aos artesáns que seguen empregando os métodos tradicionais de traballo para que non se perdan.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova