Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 10.000 persoas visitaron a Mostra de Vellos Oficios, que se pechou hoxe cunha xornada adicada aos máis pequenos


# Domingo, 11/09/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Antón Bao destaca o éxito desta iniciativa, na que sesenta artesáns de toda Galiza de disciplinas como a olería, a madeira, o coiro, a pedra, o tear ou o ferro pasaron pola cidade de Lugo dende o mes de xullo

A xornada de hoxe estivo adicada aos máis pequenos, con talleres e demostracións ao vivo de xoguetes tradicionais.

Máis de 10.000 persoas visitaron a Mostra de Vellos Oficios dende o mes de xullo, que se pechou hoxe cunha xornada adicada aos máis pequenos. O tenente alcalde e responsable de Cultura e Turismo, Antón Bao, que visitou esta mañá a mostra, destacou o éxito desta actividade, que trouxo á cidade de Lugo durante os meses de verán a 60 artesáns procedentes de toda Galiza.

Bao fixo balanzo desta actividade que encheu de vida as rúas de Lugo durante todo o verán tanto para o disfrute dos lugueses e luguesas como dos turistas que visitaron a cidade nestes meses e anunciou que esta iniciativa, que pretende recuperar e apoiar aos artesáns que seguen empregando os métodos tradicionais de traballo para que non se perdan, terá continuidade o vindeiro verán.

O tenente alcalde anunciou tamén que esta iniciativa estará tamén presente no San Froilán. Bao incidiu en que esta iniciativa que se pon en marcha persegue varios obxectivos: “por un lado, dende o punto de vista cultural, serve para recuperar tradicións ancestrais do noso país e oficios que corren o risco de desaparecer e ademais serve para apoiar a labor dos artesáns e fomentar o emprego neste sector”, subliñou o responsable nacionalista, que destacou que “grazas a esta labor de recuperación dos vellos oficios mozos de lugares con tradición artesá como a olería en Sober ou os ferreiros en Riotorto están atopando unha saída laboral”.

Os xogos dos avós

O día de hoxe estivo adicada aos máis pequenos. Durante todo o día, o fondo da Praza Maior converteuse nun inmenso espazo de xogos onde ducias de nenos e nenas que se achegaron puideron confeccionar os seus propios xoguetes e probalos. Durante todo o día, en horario de de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30 horas, seis artesáns especializados na fabricación de xoguetes tradicionais e grandes coñecedores dos xogos populares galegos (Florentina Mariño González, especialista na fabricación de bonecas de trapo; Xosé López González e Manuel García Fernández, que escribiron o libro Os xoguetes esquecidos, premiado pola Federación de Libreiros de Galicia como mellor libro do ano 2002; e artesáns da Asociación de Xoguetes Tradicionais de Muimenta) axudaron aos máis pequenos a elaborar bonecas de trapo, bolos ou titaareas e ensináronlles a empregalos.

Recuperación de oficios e fomento do emprego

En total, sesenta artesáns procedentes de toda Galiza pasaron por Lugo dende o mes de xullo para facer demostracións ao vivo dos seus oficios. Trátase en todos os casos de artesáns que manteñen viva a tradición galega e que traballan distintos materiais, como o coiro, o ferro, a madeira ou o barro, empregando as mesmas técnicas que se usaron tradicionalmente no noso país.

As demostracións tiveron lugar todas as fins de semana e nelas participaron torneiros de Ortigueira ou Grandas; ferreiros da Fonsagrada, Riotorto e Os Oscos; zoqueiros da Mariña, Vilalba, As Nogais e Vila de Cruces; cesteiros e palilleiras de distintos puntos da xeografía galega; canteiros de Guitiriz e Antas de Ulla; oleiros de Bonxe, Buño, Guindivós; fiadoras, redeiras, selleiros, artesáns do coiro, costureiras, bordadoras e expertos en alto lizo e mesmo fabricantes de instrumentos musicais e de xoguetes tradicionais.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova