Imprimir

A VIOLENCIA DE XÉNERO CENTRARÁ AS XXV XORNADAS PENITENCIARIAS LUCENSES


12/9/2011 O Concelleiro de Urbanismo e a Presidenta da Asociación penitenciaria Concepción Arenal presentaron as Xornadas que terán lugar 19 e 20 de setembro

O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, xunto coa Presidenta da Asociación penitenciaria Concepción Arenal, Marina Cillero, e o Director de relacións institucionais en Lugo de NovaCaixaGalicia, Sinesio Pérez Rodríguez, presentaron hoxe as XXV Xornadas penitenciarias lucenses.

Nesta vixésimo quinta edición, o título das Xornadas penitenciarias lucenses é “Tratamento en violencia de xénero. Escoitas en Centros penitenciarios. Penas e medidas alternativas”.

O Concello colabora coa Asociación penitenciaria Concepción Arenal na organización destas Xornadas que se desenvolverán os días 19 e 20 de setembro. As sesións terán lugar no Salón de de actos da Fundación NovaCaixaGalicia.

A inauguración das Xornadas terá lugar o día 19, ás sete da tarde, e correrá a cargo do Presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo. Deseguido, terá lugar a entrega das medallas Concepción Arenal e a continuación haberá unha mesa redonda sobre “Actuacións en violencia de xénero”, moderada polo Xerente do Organismo Autónomo Trabajo Penitenciario y Formación para el Empleo, Víctor Fraga Gayoso, na que intervirán o Fiscal delegado na Fiscalía Provincial de Lugo contra a Violencia de Xénero, Roberto Brezmes Caramanzana; a Maxistrada Xuiz do Xulgado de Violencia de Xénero, Estela San José Asensio e a Subdirectora General de Coordinación Territorial de Instituciones Penitenciarias, Carmen Archanco López-Pelegrín.

As sesións do día 20, comezarán ás 18.00 cunha conferencia que pronunciará a Profesora titular de Dereito Procesal da USC e Secretaria Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, Lourdes María Noya Ferreiro, que falará das “Escoitas nos Centros Penitenciarios”. O moderador será o Fiscal Xefe da Audiencia Provincial de Lugo, Javier Rey Ozoaores. Para as 19.30 está programada outra mesa redonda sobre “Penas e medidas alternativas”, na que intervirán Raquel Castillejo Manzanares, Catedrática de Dereito Penal da USC; Santiago Bernardo Brage Cendán, Vicedecano da Facultade de Dereito e Profesor de Dereito Penal da USC; Bernardino Varela Gómez, Profesor titular de Dereito Procesal da USC. Como moderador actuará o Decano do Colexio de Avogados, José Félix Mondelo Santos. A presentadora dos actos será Marina Cillero, Presidenta da Asociación penitenciaria Concepción Arenal.
A clausura das Xornadas correrá a cargo da Maxistrada Xuiz do Xulgado número 3 de Vixiancia Penitenciaria, Irene Roura.