Imprimir

O CONCELLO E O COLEXIO DE ARQUITECTOS ORGANIZARÁN UNHAS XORNADAS SOBRE A NOVA ARQUITECTURA DE LUGO


13/9/2011 Os arquitectos terán ocasión de coñecer da man dos seus autores edificios que se están a construír na cidade como o MIHL, a nova sede da Policía Local e a do Cetal

É unha das liñas de colaboración das que trataron hoxe o Alcalde e o novo Presidente do Colexio de Arquitectos


O Concello e o Colexio de Arquitectos acordaron hoxe organizar unhas Xornadas para estudar a nova arquitectura de Lugo que inclúe varios edificios públicos sobresaíntes polo seu deseño.

Este é un dos acordos de colaboración entre o Concello e a nova directiva do Colexio de Arquitectos en Lugo dos que se tratou nunha xuntanza que celebraron esta mañá na Casa do Concello ambas as dúas institucións.

Na xuntanza, que tamén serviu de presentación da nova directiva do Colexio de Arquitectos, estiveron presentes o Alcalde da cidade, José López Orozco, os Concelleiros de Urbanismo, Luis Álvarez, e de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, o Presidente do Colexio de Arquitectos en Lugo, Raúl Veiga, e o Secretario deste Colexio profesional, José Luis Sanmiguel.

O Alcalde salientou que “para o Concello é moi importante esta colaboración cun Colexio profesional que ten gran presenza na vida social, cultural, artística e económica da cidade” e agradeceu a súa directiva as propostas de cooperación feitas pola entidade.

Pola súa parte, o Presidente do Colexio de Arquitectos indicou que “se trata de aproveitar sinerxias” e manifestou que outras liñas de cooperación co Concello teñen que ver co proxecto Cidade e identidade, a oferta de colaboración do Colexio profesional na redacción de concursos que faga o Concello ou posible creación dunha oficina do usuario de arquitectura.

As Xornadas da nova arquitectura de Lugo comezarán no mes de outubro e consistirán en encontros dos arquitectos de Lugo cos autores dos novos edificios públicos que se constrúen na cidade como resultado de concursos de ideas convocados tanto polo Concello como por outras administracións.

O primeiro destes debates, que se completarán con visitas ós edificios, adicarase ó Museo Interactivo da Historia de Lugo, que se constrúe dacordo co proxecto do prestixioso equipo de arquitectos Nieto-Sobejano. En sucesivas sesións os protagonistas serán, entre outros, o edificio que servirá de sede da Policía Local e para o Servizo de Protección Civil, seguindo un proxecto do estudo de arquitectos Mestura, e ó edificio do Cetal, deseñado polo arquitecto Jacobo Bouzada Jaureguizar. Estes dous novos edificios levántanse na zona de San Fiz.