Cargando....
Concello de Lugo
02/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Entra en funcionamento a nova iluminación da praza de Santo Domingo, na que se investiron 186.500 euros


# Xoves, 15/09/2011


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A concelleira de infraestruturas, Paz Abraira, anuncia unha serie de medidas para reducir o custo de electricidade e mantemento da iluminación pública urbana, que supón máis de 2,3 millóns de euros ao ano para as arcas do Concello.

Abraira avanza que todas as obras que se fagan a partir de agora no casco histórico contarán cun control arqueolóxico previo para “sacar á luz todos aqueles valores ocultos que agocha aínda Lugo”.


Esta noite entra en funcionamento a nova iluminación da praza de Santo Domingo, unha intervención que contou cun orzamento de 186.500 euros, segundo informou esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, que detallou ademáis unha serie de medidas que se porán en marcha dende o seu departamento para reducir a factura eléctrica que paga cada ano o Concello de Lugo polo alumeado público da cidade.

Paz Abraira explicou que o alumeado público preexistente na Praza de Santo Domingo e na Rúa Tuñas Bouzón cumprira sobradamente o seu ciclo de vida. O proxecto de sustitución do mesmo inscríbese no Convenio para a Área de Rehabilitación Integral do casco histórico, financiado polo Concello, a Xunta de Galiza e o Goberno central.

A concelleira nacionalista explicou que para a elección das unidades luminosas buscouse “o respecto ao entorno e a boa apariencia estética”, tanto de día como de noite, respetando a zona histórica na que se inscribe a obra, coa finalidade de crear unha imaxe nocturna positiva da cidade. En canto a obra civil, foi necesaria a apertura dunha gabia para a colocación das arquetas e canalizacións subterraneas e todos aqueles elementos de fábrica necesarios.

Os elementos luminosos son farolas de fundición, brazos e faroles do mesmo material naquelas zonas onde se iniciara esta tendencia e o aconsella o carácter deste material e columnas de aceiro e luminarias cun deseño claro e sólido máis moderno noutras zonas.

A pontencia total instalada en lámparas é de 8.350w (sumándolle os equipos chegaría a 9.195w), sendo a potencia en arrancada de 15.030w. Prevense 4.287,3 horas de funcionamento anual sendo a enerxia consumida de 39.423 Kwh/ano cun coste anual aproximado de 3.262€/ano. O orzamento foi de 186.596 euros financiados con cargo ao plan de rehabilitación do casco histórico, financiado por Concello, Xunta e Goberno central.

Nova política de aforro enerxético

Paz Abraira anunciou tamén unha serie de medidas para conseguir reducir a factura eléctrica que o Concello paga cada ano pola iluminación pública urbana. Explicou que o Concello paga ao ano 1,1 millóns de euros en concepto de electricidade polo alumeado público, ao que lle hai que sumar o custo de mantemento da rede, que é de outros 1,2 millóns de euros ao ano. A concelleira nacionalista dixo que o obxectivo de cara ao futuro é mellorar a eficiencia enerxética das 13.000 farolas que hai na cidade para reducir ese custo, “máis tendo en conta o actual prezo da enerxía”, dixo. Tamén anunciou a substitución das bombillas de mercurio, que consumen máis e son máis contaminantes, por novas luminarias de sodio de alta presión.

En canto aos costos de mantemento, anunciou cambios con respecto ao que se viña facendo ata o de agora. Por exemplo, unificaranse os modelos de farolas para reducir gastos en recambios e simplificar os traballos de reparación en caso de averías. Tamén terán un papel moito máis activo a partir de agora os servizos técnicos municipais, en contra do que acontecía ata o de agora. “Os proxectos de enxeñería e de iluminación van ser redactados a partir de agora polos propios servizos técnicos do Concello, onde hai persoal altamente cualificado, evitando ter que encargar proxectos fóra, como se facía ata agora, co que confiamos en reducir notablemente os custos destes traballos e optimizar os recursos públicos”, dixo a nova concelleira de Infraestruturas.

Control arqueolóxico nas obras do casco histórico

A concelleira nacionalista tamén avanzou que a partir de agora todas as obras e actuacións que se fagan no casco histórico contarán con control arqueolóxico previo. “A Administración ten que dar exemplo, non se lles pode esixir aos particulares que o fagan nas súas obras e despois non facelo o Concello nas obras municipais”, dixo. Paz Abraira afirmou ademais que “os achádegos arqueolóxicos non son un problema, son unha oportunidade para coñecer a nosa historia e sacar á luz valores ocultos que ten aínda Lugo”. Por iso, anunciou, aproveitaranse as obras que se fagan no casco histórico para ir coñecendo pouco a pouco o que Lugo agocha no seu subsolo.

Neste sentido, Paz Abraira informou que a obra de iluminación da praza de Santo Domingo, proxectada no anterior mandato, non contou con control arqueolóxico previo, feito polo cal a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza lle abríu un expedente sancionador ao Concello por imcumprimento da lexislación nesta materia.

A concelleira nacionalista explicou que esta actuación que motivou a apertura de expedente sancionador foi anterior á súa chegada ao Goberno municipal e tivo como consecuencia a destrución parcial dun hipocausto romano. O Concello enfróntase a unha sanción que pode ir entre os 60.000 e os 150.000 euros.

Restos arqueolóxicos atopados en Santo Domingo

A intervención municipal para renovación do alumeado público deu comezo o 20 de xaneiro deste ano coa retirada de plaquetas. Tal como especifica o informe da arqueóloga municipal de 13 de xaneiro, comprobouse que a máquina paleadora, ao abrir a gabia, á altura do edificio nº 12 da Praza de Santo Domingo, danou unha estrutura de ladrillos.

Na escavación dos depósitos da propia gabia foron localizados restos de ladrillos, algúns conservados integramente. Trátase dunha estrutura realizada a base de lousas e sobre todo ladrillos de diferente tipo e tamaño, posiblemente reutilizados, que forma parte do resto de hipocausto dunha vivenda de época baixo imperial (posterior aos séculos III e IV d.c.). Rematase a intervención de sondaxe co tapado dos restos cunha matna de xeotextil e unha grosa capa de area, por debaixo do morteiro e das plaquetas.

Máis tarde continuouse co control arqueolóxico das obras de alumeado cos seguintes resultados de índole arqueolóxica: á altura do número 10 da Praza de Santo Domingo facendo esquina coa Rúa San Marcos foron localizados os restos dunha estrutura de época romana, composta por un muro en dirección norte-sur. Unha vez realizada a visita dos arqueólogos apareceron os restos dun posible derrubo, que non se excavou xa que a cota foi suficiente para a instalación dos tubos de alumeado, previo tapado con xeotextil e area dos restos.

Posteriormente, e ao lado dos restos referidos, foi localizada unha cimentación, xa na rúa San Marcos, que pertencía á anterior casa do século XVIII, destruída no século XX cando se fixo o actual número 10. No cruce da rúa San Marcos localizouse un muro posiblemente de época romana. Unha vez cruzada a rúa San Marcos, á altura do nº 9 da Praza, localízase unha canalización de época moderna que se documenta, e instálase por riba da mesa os tubos para o alumeado.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova