Cargando....
Concello de Lugo
06/04/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Economía defende a internacionalización como investimento de futuro para as cidades


# Xoves, 15/09/2011
Sonia Méndez explicou a experiencia de Lugo nun Foro sobre internacionalización das cidades que organiza a Federación Española de Municipios e Provincias

O Concello de Lugo xestiona 60 millóns de euros procedentes da Unión Europea

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, participou esta tarde nun Foro sobre internacionalización das cidades, que organiza en Madrid a Federación Española de Municipios e Provincias.

Sonia Méndez foi convidada a explicar a experiencia de Lugo nunha sesión deste Foro que tratou sobre Estratexias de internacionalización.

A Concelleira de Economía destacou, na súa intevención, que o Concello de Lugo “leva a cabo desde o ano 1999 múltiples accións de cara o exterior de xeito transversal” e sinalou que “varias concellerías desenvolven accións que, sen aspirar a ser un exemplo de nada, poden amosar como con pouco presuposto pero con imaxinación, un Concello pode e debe ter unha estratexia de internacionalización, xa que o mundo globalizado no que vivimos impide que actuemos de xeito aillado, impón a colaboración e a presenza internacional”.

Ademais, sinalou Sonia Méndez, “no contexto de falla de ingresos que padecemos os concellos, a internacionalización facilita a captación de investimentos e abre máis posibilidades de financiamento”. Méndez explicou que “no Concello de Lugo xestionáronse orredor de 60 millóns de euros procedentes de Europa, adicados a proxectos medioambientais, de infraestruturas ou de emprego”, e mencionou, entre outros, proxectos que leva a cabo o Concello de Lugo con financiamento da Unión Europea como os de inserción laboral de persoas desempregadas financiados polo Fondo Social Europeo ou o Proxecto Urban para a rehabilitación e a revitalización do comercio do Casco histórico de Lugo.

Na súa intervención, a Concelleira de Economía tamén considerou “fundamental que desde os gobernos locais permitamos que entre aire fresco nas nosas cidades, que penetren novas ideas e ó mesmo tempo transmitir as nosas boas experiencias”. Méndez dixo, tamén, que “os problemas económicos non deben facernos desistir da tarefa de internacionalizar” senón que, polo contrario, “a internacionalización é un investimento de futuro e pode traer novos ingresos ás cidades”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova