Cargando....
Concello de Lugo
27/06/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O San Froilán 2011 converterase no maior Festival de música galega deste ano en Galicia


# Venres, 16/09/2011
Máis de 15 grupos galegos de todos os estilos tocarán dende o día 5 ao 12 en Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Budiño e Kepa Junkera, Berrogüetto, Treixadura, Uxía, Lamatumbá, Os Cempés ou Dios Ke Te Crew son algúns dos grupos galegos que actuarán no San Froilán deste ano

Máis de 15 grupos galegos de primeiro nivel converterán o San Froilán no maior Festival de música galega deste ano en Galicia. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, destacou esta mañá en rolda de prensa que isto supón un cambio importante na concepción das festas con respecto aos anos anteriores ao “devolverlle ao San Froilán o seu carácter de escaparate da música galega e dos músicos galegos”.

Bao dixo que con este protagonismo dos grupos galegos nas festas deste ano preténdese dende o Concello “axudar á valoración dos grupos galegos dentro do propio país, porque en moitas ocasións teñen máis recoñecemento fóra que na propia Galicia”. Na selección de grupos que virán ao San Froilán e que tocarán nos distintos escenarios do día 4 ao 12 de outubro “hai tanto grupos consagrados como novas apostas”, detallou Bao. Moitos deles virán a Lugo a presentar novo disco. Haberá ademais grupos de todos os xéneros e estilos tocando pola rúa todos os días das festas.
 
Entre os grupos galegos que acudirán este ano ao San Froilán están Budiño e Kepa Junkera, que estarán o día 5, día de San Froilán, na praza de Santa María, para presentar novo disco; Berrogüetto, que tamén presentará novo disco na Horta do Seminario o venres 7; Lamatumbá, que estará na Horta do Seminario o Domingo das Mozas e Treixadura, que estará ese mesmo día 9 na praza de Santa María; ou o grupo de rap Diós ke te Crew, que pechará as festas o día 12 no escenario da Horta do Seminario. A música de autor estará representada por Uxía, que presentará o día 12 o seu novo disco Meu canto na praza de Santa María, o histórico cantautor de Voces Ceibes Miro Casabella, ou o cantautor Tino Baz.

Antón Bao informou ademais que encadrados dentro do programa haberá tres días adicados a distintos estilos de música galega, como o Sanfroidance, que se celebrará o día 10 na Horta do Seminario con DJ’s e grupos de hip-hop; a XII Mostra de Música Tradicional, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que será o Domingo das mozas; e o festival Música de noso, organizado pola Asociación Cultura do País o día 4 no escenario de Campo Castelo cos grupos Cabraret, Labregos do tempo dos Sputniks e Medomedá. .

“Deixamos un oco para o concerto da Xunta”

O tenente alcalde tamén afirmou que espera recibir contestación da Xunta de Galiza á oferta feita pola Concellaría de Cultura para que colabore co San Froilán cun concerto en Lugo durante as festas. “Temos un oco no programa reservado para a Xunta”, dixo Antón Bao, que asegurou que espera que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, que virán a Lugo o luns a ver o solar onde se vai construír o auditorio lle confirmen esta actuación para incluíla no programa. “Confiamos en que o luns o señor Feijóo nos diga o nome dese grupo para incluílo tamén no programa, porque seguramente o señor Feijóo veña a Lugo durante o San Froilán a comer o polbo e gustaríanos que colaborara nas festas cun concerto”.

Dossier grupos galegos participantes no San Froilán 2011

X. M. Budiño e Kepa Junquera – Mércores 5 – Pza Sta. María

Xosé Manuel Budiño e Kepa Junkera xuntarán en Lugo os instrumentos máis representativos das súas respectivas culturas: a gaita e a trikitixa

Kepa: www.kepajunkera.com/index.html

Budiño:
Músico galego de orixe e universal polo seu fado, viaxeiro convencido, creador incansable, innovador por convicción, soñador de melodías imposibles. Xosé Manuel Budiño é un artista atípico: é difícil atopar alguén que desperte tanta admiración entre os seus. Inspírase nos pequenos sabores da música tradicional, pero sempre coa intención de crear unha música con estilo propio...: a música que se pode converter nun futuro, pode que non tan lonxano.

Xosé Manuel Budiño fórmase na escola de gaitas Semente Nova de Moaña e na Universidade Popular de Vigo a principios dos oitenta. Despois de traballar no eido da música tradicional galega durante anos, explora outras canles artísticas tocando a cotío con xente do jazz, do clásico do pop ou do flamenco e compartindo escenario con músicos coma Van Morrison, Jerry González, Jorge Pardo, Capercaillie ou A Orquesta Sinfónica de Lorient.

Traballos especiais:
Xosé Manuel Budiño traballa habitualmente con canles de distribución audiovisual como a BBC do Reino Unido na composición musical de bandas sonoras. Un dos traballos foi a composición da obra “Compostela” para o programa "O día do Millennium" organizado pola BBC en colaboración con máis de 300 televisións do mundo para a noite do 31 de decembro de 1999. A finais de outubro e despois de participar no San Froilán marchará para Copenhague para tocar non WOMAX.
1997 - Paralaia
2000 - Arredor
2004 - Zume de Terra
2004 - Colabora en el disco del cantautor Xil Ríos "Vai e ven" como flautista en el tema "Alalá o meu mare"
2007 - Home (con las colaboraciones de Xoel López, Kepa Junkera, Mercedes Peón, Jorge Pardo y Jacky Molard)
2010 - Volta

Os Cempés – Xoves 6 – Pza. Sta. María

Os Cempés volven con nova formación e proxecto despois de catro anos nos que os seus compoñentes probaron experiencias. Coas incorporacións de Pablo Dalama, Ramón Dopico e Fernando Barroso, apostan por unha nova cuberta instrumental, máis acústica, mantendo con Serxio Ces e Antón Varela e o propio Óscar as claves na composición, a voz e o liderado.
Discografía: ¡¡OPA III!! – 1995; CAPITÁN RE -
1997; CIRCO MONTECURUTO-2001; MOE A MOA-2003; OS CEMPÉS 11 ANOS - 2005

Berrogüetto – Venres 7 – Pza da Horta do Seminario

www.berroguetto.com

Lamatumba – Domingo 9 – Pza da Horta do Seminario

www.lamatumba.com


Treixadura – Domingo 9 – Pza. Sta. María

Treixadura constitúe dende 1990, un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.

Treixadura é sinónimo de música tradicional, ritmos, cantigas e instrumentos galegos que encaixan tanto nas romarías máis populares coma nas festas e eventos urbanos, co obxectivo de que o público goce bailando, cantando e escoitando a música dos seus 15 compoñentes que, provindo de propostas musicais variadas, teñen en común o gusto e o respecto pola música tradicional, motivo abondo para que hoxe representen e dignifiquen este proxecto. 20 anos de gravacións e concertos, 5 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas, e vida en común. Dúas décadas compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.

O novo traballo discográfico: “Esa si que é muiñada”. (Treixadura, 2011) é un traballo que pretende revivir a música e os cantos populares que aínda se agochan no substrato dun pobo que garda con celo o seu patrimonio cultural.

Para desenvolver toda esta declaración de intencións o grupo conta coa colaboración dos coros decanos galegos “Cantigas e Agarimos” (Santiago de Compostela) , “Cántigas da Terra” (A Coruña), “Real coro Toxos e Froles” (Ferrol), a “Coral De Ruada” (Ourense) e a “Agrupación Musical de O Rosal” (O Rosal, Pontevedra) “Esa si que é muiñada” é hoxe unha lúa crecente, case chea, que albisca a fin dun ciclo e, ao tempo, o inicio dun novo.

Os cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nos seráns, nos gaiteiros, nos coros, nas bandas, que permanecen en nós desde a noite dos tempos de man da tradición oral, os libros e a música.

Dios ke te crew – mércores 12 – Pza da Horta do Seminario

www.diosketecrew.com

Uxía – Mércores 12 – Pza. Sta. María

Presenta o seu último traballo “Meu canto”.

Meu Canto é  unha relectura dos temas fundamentais do repertorio en directo de Uxía e temas que ata agora nunca tiña abordado. Unha proposta limpa de artificios na que o fundamental é a súa excepcional voz.

Uxía ten unha voz fermosa e serena que fuxe do virtuosismo exhibicionista e se fai transparente, para amosarnos unha artista madura, que comprendeu que non hai nada máis sofisticado que o esencial e que a voz é o único instrumento que nunca minte. Meu Canto porque a maioría das cancións conteñen a palabra canto porque este disco é unha reflexión sobre o acto de cantar, as emocións que provoca, a voz, a esencia...

Uxía segue o ronsel dunha cultura que viaxa e muda o significado e a natureza das fronteiras. Nesta ocasión a súa travesía lévanos a Brasil, onde foi gravado este traballo, nos estudios da editora Biscoito Fino, en Rio de Janeiro. A escolla non foi casual, abordar este novo reto coa produción do prestixioso músico Jaime Alem (productor de Maria Bethânia), o talento e a complicidade do virtuoso instrumentista Sérgio Tannus, tamén escoitamos Os Teus Ollos xunto con Lenine, toda unha garantía para palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do seu ser, da súa alma.

Vinte e cinco anos de carreira artística convértena nunha das voces máis populares e valorizadas da nosa lingua. As súas cancións seguirán tendo a presenza latente da música tradicional, cun tratamento innovador.

Unha voz máis contida e máis profunda ca nunca. Unha voz que amosa toda a forza e toda a vulnerabilidade coa que Uxía chegou a este punto do camiño, coa convicción de que un pobo que cantou desde tempos inmemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz, o propio canto, Meu Canto.

Miro Casabella – Pza do Campo Castelo

http://gl.wikipedia.org/wiki/Miro_Casabella

 
Música de noso – Cultura do Páis – martes 4

Baixo este nome pretendemos desenvolver unha xornada de tarde-noite na que se poida ofrecer un evento no que se ofreza á xente moza no comezo das Festas do San Froilán un concerto de música en galego con variedade de estilos, presentando algúns grupos que están a xurdir ao longo do país. O título do evento vai na liña de reforzar a idea de promoción da nosa música e de apoiar ás novas bandas e grupos que se crean e fan música en galego.

A data escollida para realizar o evento sería o martes 4 de outubro, xustamente o día do pregón e de comezo oficial das Festas do San Froilán. O horario aproximado sería de 22:30 a 1:00. Os grupos escollidos son os seguintes, presentados en por orde de actuación:

- CABRARET: grupo formado por Alberte Rodríguez, Alonso Caxade e Iria Pinheiro, que desenvolven un espectáculo musical con importante carga de teatralidade coa antiga estética do cabaret de comezos do século XX. Unha cabareteira e dúas cabras reparten música cun contrabaixo,un acordeón e unha contralto.

- LABREGOS DO TEMPO DOS SPUTNIKS: proxecto musical formado polo Leo i Arremecaghoná, García MC (membro tamén do grupo de hip-hop Dios Ke Te Crew) e Silverio Outeiro, “Vero” (batería do que fora grupo Xenreira). Adoitan comezar poñendo en escena cadansúa proposta, para rematar con temas conxuntos improvisados. Versionan cantigas de grupos doutras épocas, coma Fuxan os Ventos.

- MEDOMEDÁ: é un proxecto audiovisual diverso con base de rock e multitendencia xurdido a raíz do concurso “A polo ghit” da Radio Galega, conxunto de batería, guitarra solista e voz. Ironía, diversión, contracultura, retranca e en galego cunha reclamante posta en escena. Usando o sentido de humor como arma contra o tedio do mundo.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova