Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A banda municipal de Lugo, creada en 1876, recuperará o seu esplendor para o San Froilán deste ano


# Luns, 19/09/2011
Será reforzada con 12 músicos e recuperará o protagonismo e prestixio que sempre tivo nas festas con catro concertos no vindeiro San Froilán

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Antón Bao anunciou que é o primeiro paso para crear unha Escola Municipal de Música en torno á Banda Municipal

O San Froilán deste ano contará ademais con moita animación de rúa. Grupos de distintos estilos e procedencia actuarán durante as festas polas rúas do casco histórico e polos distintos barrios da cidade.

A Banda Municipal de Lugo estreará nova formación durante as festas do San Froilán. Esta é unha das novidades das festas deste ano, que o tenente alcalde e responsable de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, presentou hoxe, logo da Comisión de Festas celebrada esta mañá. Bao dixo que no San Froilán 2011 a Banda Municipal “volverá a ter o protagonismo e o esplendor que historicamente sempre tivo nas festas”.

Para logralo, explicou o tenente alcalde, a Banda de Lugo será reforzada con 12 novos músicos para paliar deste xeito os déficits que a formación veu acumulando no número dos seus compoñentes ao longo dos últimos anos. “Neste San Froilán vai tocar unha Banda reforzada con 12 novos músicos, co que terá 32 integrantes e non os 20 actuais, así poderá lucir nas festas con todo o seu esplendor”, dixo. Os instrumentos que incorporará serán un oboe, cinco clarinetes, un saxo alto, un saxo tenor, un fliscornio, unha trompeta, unha tuba e percusión, co que a banda gañará en calidade. Esta nova formación dará catro concertos durante o San Froilán.

Antón Bao explicou que este é o primeiro paso para a creación dunha Escola Municipal de Música que lle dea “futuro e estabilidade á Banda Municipal”. O responsable de Cultura fixo referencia á historia da banda, creada en 1876 e que tivo como un dos seus primeiros directores ao insigne músico lucense Xoán Montes. “A Banda está ligada dende a súa creación aos actos máis insignes e representativos da historia de Lugo e queremos potenciala como se merece para que siga tendo un papel relevante na vida da cidade”, anuncio Bao.

O tenente alcalde detallou tamén outra das novidades do San Froilán deste ano: a presenza de música nos distintos barrios. Bao indicou que un dos obxectivos que se marcou a área de Cultura de cara a estas festas foi que fosen “unhas festas populares, de todo Lugo, onde houbese animación nas rúas de toda a cidade”, dixo. Por iso, neste San Froilán haberá moita animación polas rúas a cargo de grupos do máis diverso e de distintos estilos que actuarán por barrios como A Milagrosa, A Cheda, O Sagrado Corazón, Fingoi, A Piringalla ou A Residencia dende o 4 ao 12 de outubro.

Actuacións todos os días na Rúa da Raíña e na Praza de San Marcos

Ademais desta música itinerante haberá actuacións fixas na rúa todos os días en dous puntos do casco histórico, na Rúa da Raíña e na Praza de San Marcos, onde actuarán formacións como a Magnific Band, procedente de Francia; Treboada do Baixo Miño, Çe Orquestra Pantasma, Horten Orquestra ou Os Modernos, unha formación creada ao estilo dos grupos dos anos 20.

Non faltarán tampouco as verbenas no San Froilán deste ano. En total serán 10 as orquestras incluídas no programa, que coma todos os anos tocarán na Praza Maior. O día 4 estará a orquestra Capitol, o mércores 5 Trovadores, o venres 7 Los Players e D´Moda, o sábado 8 Poceiro e Ipanema, o domingo 9 Trébol, o martes 11 Canadá e Gran Canaria e o mércores 12 Ismael.

Unha exposición con cartaces anunciadores da Festa

Antón Bao anunciou tamén que o libro que o Concello editará este ano con motivo das festas estará adicado aos carteis anunciadores recopilados dende o ano 1877. O libro, escrito por Teresa Pena Moreda e Fernando Arribas Arias, leva por título A publicidade das festas de San Froilán de Lugo: carteis e programas 1877-2011.

O concelleiro de Cultura indicou tamén que de maneira parella será aberta unha exposición con cartaces das distintas épocas. A mostra poderá verse durante as festas na sala de exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra.

A ofrenda a Rosalía correrá a cargo de Branca Rodríguez Pazos

Antón Bao deu conta tamén de que a Comisión de Festas celebrada hoxe aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos que Branca Rodríguez Pazos sexa a encargada este ano da tradicional Ofrenda a Rosalía de Castro que todos os anos se realiza dentro das Festas do San Froilán. Este acto, que ten lugar o Domingo das Mozas no propio Parque Rosalía, diante do busto que a escritora galega ten no parque máis emblemático da cidade, é, xunto co pregón, un dos actos institucionais máis importante das festas patronais.

A designación de Branca Rodríguez Pazos para a Ofrenda deste ano conta coa unanimidade de todos os grupos políticos do Concello. Súmase así ao destacado elenco de mulleres do eido social e feminista que veñen realizando a Ofrenda a Rosalía ano tras ano. Rodríguez Pazos compartirá este ano protagonismo co escritor lucense Paco Martín, que será o encargado de ler o pregón o primeiro día das Festas.

www.lugo.es/banda

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova