Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Globos aerostáticos de toda a península sobrevoarán o ceo de Lugo durante as festas do San Froilán


# Martes, 20/09/2011
O día 6 haberá un espectáculo nocturno que encherá de globos, luz e son a Ronda da Muralla. É a primeira vez que este espectáculo se pode ver en Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A nosa cidade acollerá entre os días 5 e 9 o Campionato Galego de Aeroestación

Globos aerostáticos chegados de toda a península sobrevoarán os ceos de Lugo durante as festas do San Froilán, segundo deu a coñecer esta mañá o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, que destacou a vistosidade desta actividade, que encherá de corrido o ceo da cidade durante as festas.

Acompañado polo presidente da Federación Galega desta especialidade, Víctor Maiztegui León, e subido a un dos globos que participarán nestas exhibicións, Bao explicou que nosa cidade será sede, coincidindo coas festas patronais, do Campionato Galego de Aeroestación. Pilotos chegados de distintos puntos do Estado español e de Portugal daranse cita en Lugo entre os días 5 e 9 do vindeiro mes de outubro.

Dentro da programación das festas inclúense catro voos sobre a cidade e dous espectáculos nocturnos con luz e son. Un deles terá lugar o xoves día 6 ás 21:00 horas no entorno da Ronda, onde se poderán ver os globos iluminados a carón da Muralla. Bao explicou que se trata “da primeira vez que se poderá ver un espectáculo destas características en Lugo que pola súa vistosidade e espectacularidade servirá como proxección exterior do monumento máis emblemático da nosa cidade durante as festas”.

O tenente alcalde invitou a todos os lucenses a participar nestes espectáculos, para os que xa hai confirmados entre 12 e 15 globos chegados de toda a península. “Buscabamos algo espectacular e vistoso en relación á nosa Muralla que servira para que as imaxes das festas de Lugo chegasen fóra das nosas fronteiras e penso que con isto ímolo conseguir, penso que o espectáculo nocturno do día 6 será sen dúbida unha das imaxes destas festas”, dixo Bao.

Os globos que virán a Lugo teñen uns 20 metros de alto e elévanse con gas propano. Desprázanse seguindo as correntes de aire e poden voar entre 20 e 40 quilómetros en cada despegue en función da dirección e a velocidade do vento. Están tripulados normalmente por dúas persoas.

Unha páxina en branco no programa das festas

O tenente alcalde reiterou unha vez máis que segue sen chegar colaboración algunha da Xunta para as festas. “Imos deixar un oco no programa das festas para que todos os cidadáns saiban que a Xunta de Galicia non colabora coas festas de todos os lugueses e luguesas”, anunciou Bao, que dixo que “os lugueses non entenderán por que a Xunta non colabora nunha das festas máis senlleiras e con máis tradición de Galicia, declarada ademais Festa de Interese Turístico Galego”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova