Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello destinará 340.000 euros á renovación da rúa da Industria, no Polígono do Ceao


# Mércores, 21/09/2011
A Xunta de Goberno aprobou tamén o convenio para o arranxo da ponte romana, no que se investirán 1 millón de euros

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Luis Álvarez expuxo a preocupación do Goberno local pola falta de información da Xunta de Galicia sobre a antiga Residencia

A rúa da Industria, un dos principais viais do polígono do Ceao, será renovada completamente nos vindeiros meses. Segundo explicou a concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, logo da Xunta de Goberno celebrada esta mañá, a obra comezará de xeito inmediato e ten un prazo de execución de catro meses. O Concello destinará a esta obra 340.000 euros, dos que 150.000 euros proceden dunha subvención estatal que xa se atopa comprometida.

Paz Abraira explicou que con esta actuación “búscase mellorar os servizos dos que dispón o Ceao, que é aínda neste momento a maior zona industrial de Lugo”. A responsable de Infraestruturas dixo que esta era “unha actuación moi necesaria” e anunciou que se establecerán medidas de tráfico “para que as obras afecten o menos posible ao normal desenvolvemento da súa actividade por parte dos comercios e industrias establecidas nesta zona do polígono do Ceao”.

Do mesmo xeito, na Xunta de Goberno celebrada esta mañá aprobouse o convenio para a rehabilitación da ponte romana. O Orzamento total desta obra supera o millón de euros, dos que o Concello aportará 237.000 euros, o 25%, e o resto será aportado polo Ministerio de Fomento con cargo ao 1% Cultural.

O convenio co Ministerio será asinado nos vindeiros días e a partir dese momento o Concello disporá dos fondos necesarios para contratar a obra, que ten un prazo de execución de 6 meses e que comezará na vindeira primavera “diante da necesidade de que o caudal do río sexa o máis baixo posible para poder actuar sobre as pilastras orixinais da época romana”, segundo explicou esta mañá Paz Abraira. A concelleira de Infraestruturas anunciou tamén que ao igual que no polígono do Ceao porase en marcha no momento que comecen as obras un plan especial de tráfico para facilitar aos veciños da Ponte a entrada ao barrio. “Somos conscientes de que a vella ponte é a principal entrada ao barrio e porémonos en contacto cos veciños para adoptar todas as medidas precisas para que as obras lles causen as menores molestias posibles”, dixo Paz Abraira.

Barrio da Residencia
O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, expuxo “a preocupación que o goberno local ten pola situación e o futuro do antigo hospital xa que, de momento, non hai constancia de contido desa carta que a Xunta enviou ao ministro Manuel Chaves pero consideramos que é necesario que se lles explique aos veciños do barrio da Residencia e aos de Lugo que plans teñen para dito edificio“.

Álvarez apuntou que “se a Xunta solicitou unha comisión bilateral co Goberno do Estado para tratar o asunto da Residencia supoñemos que teñen uns plans ou unhas ideas claras do que pensan facer e, polo tanto, pedimos que nos fagan partícipes dese proxecto.”

O Concelleiro de Urbanismo engadiu que se está asistindo a unha serie de declaracións de intencións por parte da Xunta e do PP sobre o futuro das instalacións do antigo hospital a pesares de que nunca se marcan prazos nin concretan as actuacións. “O que temos claro é que nós seguimos ao carón dos veciños do barrio da Residencia e a ves seguimos preocupados polas solucións que non chegan da Xunta” asegurou Luis Álvarez.

A concelleira nacionalista tamén se referiu á situación do barrio da Residencia, onde a Xunta de Galicia segue sen cumprir os seus compromisos unha vez pechado o vello hospital. Paz Abraira dixo que “o recorte do gasto non se pode admitir como desculpa para non poñer en marcha os servizos comprometidos”. Do mesmo xeito referiuse a outros “incumprimentos da Xunta en Lugo”, como a Ronda Leste, os servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no novo hospital, ou o Museo da Romanización. “O Cuartel de San Fernando está en estado lamentable”, concluíu.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova