Imprimir

O DOMINGO CELÉBRASE A XII MARCHA CICLOTURISTA BTT "SAN FROILÁN" ORGANIZADA POLO CLUB CICLISTA CORRECAMIÑOS LUGO EN COLABORACIÓN CO CONCELLO


23/9/2011

O próximo domingo, día 25 de setembro, terá lugar a XII Marcha Cicloturista BTT “San Froilán”, que organiza o Club Ciclista Correcamiños Lugo en colaboración coa Concellería de Deportes.

Tamén este ano a marcha será un éxito en canto a asistencia, xa que está cuberto o cupo de inscricións na proba. De feito, as 150 prazas iniciais cubríronse nunha semana polo que se ampliaron ata as 180 actuais.

A ruta sairá ás 9.30 horas dende o polideportivo do Palomar e os participantes percorrerán 40 quilómetros de “auténtico mountain bike”, pasando por sendeiros de enorme beleza que os propios membros do Club Correcamiños e o Concello se encargaron de acondicionar e rescatar para que todos os poidan disfrutar.

A partir das 8.30 horas os participantes xa poderán recoller os dorsais, e ó rematar a proba haberá un xantar no restaurante Os Robles, no que non faltará o polbo, cumprindo unha tradición máis desta proba en todas as súas edicións.