Cargando....
Concello de Lugo
10/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello aforrará 63.000 euros este ano na montaxe de escenarios, luz e son do San Froilán


# Mércores, 28/09/2011
Por primeira vez os escenarios de concertos terán un espazo elevado habilitado para que as persoas en silla de rodas poidan ver e disfrutar das actuacións

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Concello aforrará este ano 63.000 euros na montaxe de escenarios, luz e son do San Froilán. O tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, informou hoxe logo da Xunta de Goberno Local que a produción do San Froilán deste ano foi adxudicado a dúas empresas de Lugo, que se encargarán de toda a intendencia dos concertos.

Antón Bao explicou que o montante global destes contratos ascende a 241.225 euros, un terzo do orzamento total das festas. Con respecto ao ano pasado, hai un considerable aforro, posto que en 2010 a factura total ascendeu a 304.352 euros. Este ano, explicou o responsable das festas, sacouse a concurso público, o que permitiu rebaixas importantes no prezo, ademais dunha serie de melloras valoradas nuns 20.000 euros.

Entre elas o concelleiro de Cultura citou a colocación de plataformas elevadas nos principais escenarios de concertos (Horta do Seminario, Praza de Santa María e Pavillón Municipal dos Deportes) para que as persoas con mobilidade reducida poidan disfrutar dos distintos espectáculos programados. Estas estruturas, que se colocarán no medio do espazo de concertos, permite ás persoas en cadeiras de rodas poder ver. É a primeira vez que se colocan estas estruturas en concertos celebrados en Lugo e Bao dixo que “o obxectivo é que este sexa tamén un San Froilán sen barreiras”. “É unha mostra da nosa sensibilidade con este colectivo de persoas discapacitadas”, afirmou.

As dúas empresas que se encargarán da produción dos concertos serán Luzsonga, que levará a imaxe e son das actuacións, por un importe total de 66.493 euros; e Nalgures, que se encargará da montaxe de escenarios e do persoal de seguridade necesario nos concertos, por un importe de 174.732 euros.

San Froilán móbil e itinerante

Antón Bao explicou tamén que hoxe comezou a funcionar unha oficina de información móbil que levará información sobre o programa das festas e as distintas actividades a todos os barrios e parroquias de Lugo. Trátase dunha megafonía que se encargará de achegar a festa aos distintos barrios de Lugo. Estará funcionando dende hoxe ata o día 12 que rematan as festas.

O responsable de Cultura lembrou que este ano unha das novidades máis salientables do San Froilán é o seu “carácter participativo” posto que “a festa chegará a todos os barrios da cidade”, dixo. De feito, haberá durante todos os días das festas actuacións, actividades e animación de rúa nos distintos barrios da cidade.

Toda a información en www.sanfroilan.info



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova