Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo reclama para os concellos competencias claras e recursos económicos para exercelas


# Venres, 30/09/2011
López Orozco fala en nome dos gobernos locais de España no Foro Iberoamericano de Asunción

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Na súa segunda intervención no VI Foro Iberoamericano de Gobernos locais, o Alcalde dixo que a crise supón un chamamento á responsabilidade de todas as administracións

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, foi elixido para ser a voz dos gobernos locais españois na última xornada do VI Foro Iberoamericano de Gobernos locais, celebrado esta semana en Asunción (Paraguai).

Na súa segunda intervención neste Foro internacional, López Orozco recoñeceu que, como consecuencia da crise global mesmo nos países máis avanzados, “as políticas para reducir o endebedamento público teñen un profundo impacto sobre as finanzas locais, por mor dos abundantes recortes nas transferencias doutras administracións, as restricións de crédito e outras medidas de austeridade”.

O Alcalde de Lugo explicou que, en España, este problema atopa unha particularidade, dado que, “durante os anos de desenvolvemento económico, foron os concellos quen veu prestando toda unha serie de servizos, solicitados polos cidadáns, pero para os que os gobernos locais non tiñan unha financiación estable”.

Para López Orozco, “unha axeitada relación entre competencias e recursos é a clave para que os concellos poidan ter solidez e estabilidade financeira”. De non ser así, o Alcalde considera que “atoparémonos nas mans doutras administracións e do que estas estean dispostas a achegarnos en materias que, curiosamente, non son propias dos concellos, como as políticas de emprego ou de educación, e que, sen embargo, teñen que prestar agora máis que nunca, dadas as necesidades dos cidadáns”.

Noutro momento da súa intervención, o Alcalde salientou que “resulta evidente que a crise é, sobre de todo e en primeiro lugar, un drama para quen a padece en primeira persoa, para os que non teñen traballo, nin expectativas de acadalo a curto prazo, para quen ve ameazado o acceso a servizos sociais básicos”. Por iso, precisamente, dixo o Alcalde “a crise supón un chamamento á responsabilidade de todas as administracións”.

Considerou tamén que “para que os nosos concellos poidan chegar dun xeito próximo e eficaz ós cidadáns deben ter competencias claras e propias, pero, por suposto, tamén, ingresos que lles permitan prestar eses servizos”.

Por último, o Alcalde concluíu que “calquera escenario que se plantexe para a saída da crise ten que contar coa esfera local, porque debe contar cos seus cidadáns”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova