Cargando....
Concello de Lugo
15/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello concedeu 119 axudas para melloras en negocios e outras 10 para a creación de novas empresas no Casco histórico de Lugo


# Venres, 30/09/2011


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Outras seis solicitudes de axudas para creación de novas empresas presentáronse na nova convocatoria que rematou hoxe

A Concelleira de Economía facilitou estes datos na presentación da Guía de compras de Lugocentrum e anunciou que esta asociación volverá ter a colaboración económica do Concello o ano que vén



O Concello de Lugo leva concedidas 119 axudas para melloras en negocios do Casco histórico da cidade con cargo ó Plan Urban, que financian a Unión Europea, o Concello e a Deputación provincial. O importe destas axudas foi de 211.000 euros e supuxeron un investimento total de máis de 400.000 euros para mellorar os negocios situados no centro da cidade. Con estas subvencións, destinadas a dinamizar o comercio no Casco histórico, fixéronse melloras como a instalación de rótulos e de toldos así como a mellora de fachadas. Outra liña de axudas, de recente creación, é a destinada a remozar as fachadas de negocios que dan ó paseo interior da Muralla.

Ademais, o Plan Urban conta con outra liña de subvencións que permitiu a posta en marcha de 10 novas empresas, coa conseguinte creación de postos de traballo no centro da cidade. Hoxe mesmo rematou o prazo da última convocatoria destas subvencións e foron presentadas seis solicitudes máis que agora deberán ser avaliadas. As subvencións que xa foron concedidas teñen un importe de 78.000 euros e contribuíron a facer un investimento total de 219.000 euros na creación de novas empresas no centro da cidade.

A Concelleira de Economía facilitou estes datos hoxe na presentación da Guía de compras e servizos da tempada outono-inverno da Asociación de comerciantes Lugocentrum, que tamén conta co apoio económico do Concello. De feito, Sonia Méndez, aproveitou o acto para anunciar que Lugocentrum volverá recibir financiación municipal no ano 2012. Tamén agradeceu o esforzo que están a facer os comerciantes e empresarios do centro, en colaboración co Concello para dinamizar o Casco histórico e a súa economía porque iso, dixo, redunda en beneficio de toda a cidade.

Pola súa parte, o Presidente da Asociación de comerciantes do centro, José Sánchez Bergantiños, agradeceu o apoio económico do Concello e tamén felicitou a Sonia Méndez polo superávit de 1.200.000 euros co que pechou o exercicio económico de 2010 o Concello de Lugo.

Sánchez Bergantiños explicou que a Guía de compras e servizos da tempada outono-inverno da Asociación Lugocentrum editouse grazas ás achegas económicas que reciben da Concellería de Economía. Tamén indicou que nesta campaña vanse repartir 15.000 exemplares da guía e sinalou que esta iniciativa tivo un custe de 17.000 euros. A guía recopila información dos 130 establecementos adheridos a Lugocentrum, unha entidade que naceu no ano 2002 con pouco máis de 80 socios e, desque naceu, ten o apoio económico do Concello, tal como salientou o Presidente da entidade.

www.lugo.es/urban

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova