Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O restaurante Paprica e a Taberna do España gañadores do Concurso de Tapas deste ano


# Venres, 30/09/2011
A deliberación do xurado, composto por prestixiosos cociñeiros e gastrónomos galegos, tivo lugar esta mañá

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Antón Bao cualifica de “enorme éxito” a edición deste ano, na que 42.000 persoas participaron no concurso, que xerou un volume económico de máis de 100.000 euros

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, Cheché Real, anuncia a intención de crear de cara ao vindeiro ano un Concurso de Tapas a nivel provincial


O restaurante Paprica na categoría de tapa creativa e a Taberna do España na categoría de tapa tradicional foron os gañadores da sétima edición do Concurso de Tapas de Lugo. O fallo do xurado, composto por destacados cociñeiros e gastrónomos galegos, que se produciu esta mañá, destacou a “calidade” das tapas presentadas a concurso este ano e o “esforzo dos hostaleiros de Lugo por mellorar e innovar”.

O tenente alcalde e responsable da área de Turismo, Antón Bao, que recibiu esta mañá oficialmente no Concello ao xurado do Concurso de Tapas acompañado polo presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, Cheché Real, cualificou de “enorme éxito” a edición deste ano, na que se serviron 42.000 tapas e se acadou un volume de negocio de máis de 100.000 euros por parte dos hostaleiros da cidade. Bao felicitou aos 40 establecementos participantes polo seu “esforzo para que este concurso fose un éxito un ano máis” e convidounos a seguir mellorando “para facer de Lugo un lugar de excelencia gastronómica”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería, Cheché Real, anunciou a intención de crear de cara ao vindeiro ano un Concurso de Tapas a nivel provincial, no que participarían os finalistas dos Concursos de Tapas que hai xa na actualidade en 12 localidades da provincia de Lugo para estender logo a iniciativa cara a un Concurso de Tapas a nivel galego.

Praia, Azafrán e Bosque Atlántico

A tapa gañadora na categoría de mellor tapa creativa foi a do restaurante Paprica, titulada Praia, azafrán e bosque atlántico, e que consistía en berberechos ao vapor con arroz inflado, aceite, azafrán e eneldo fresco cunha crema de nécoras e merluza, acompañado dunha infusión de piñeiro, loureiro e eucalipto preparada con anhídrido carbónico. Como segunda clasificada na categoría creativa quedou a tapa Sardiña, crocante de broa, maionesa de carbón e perlas de pemento, do restaurante España, unha creación feita rememorando as sardiñas do San Xoán.

Na categoría de tapa tradicional o gañador foi A Taberna do España, que presentou a concurso un xarrete de tenreira cachena ecolóxica adobado no forno con verduras e viño da Ribeira Sacra, acompañado dunha salsa obtida de ligar viño, castañas e mazá salteada. Como segundo clasificado nesta categoría de tapa tradicional quedou o establecemento Muxicas do Xoldra, que presentaba a concurso unha filloa rechea de marisco con crema de gambas.

Membros do xurado da final

O xurado estivo formado por prestixiosos gastrónomos e cociñeiros galegos, entre eles Roberto Wagner, como representante do Centro Superior de Hostalería de Galicia; Xoan Cannas, sumiller do restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe galardoado co premio Nariz de Ouro 2004; Marcos Cerqueiro Rey, cociñeiro do restaurante Abastos 2.0 de Santiago de Compostela; Antonio Graña Vázquez, director do Parador de Ribadeo, que participa na iniciativa A Cociña de Cunqueiro con outros 40 establecementos galegos para homenaxear ao escritor mindoniense neste ano no que se cumpre o centenario do seu nacemento; e Manuel Gago Mariño, xornalista e blogueiro especializado na gastronomía galega.

Finalistas

Os catro establecementos elixidos polo xurado para pasar á Final nas categorías do concurso foron:

Tapa Creativa:
-Paprica
-Arrocería Os Cachivaches
-Cervecería Lugo
-Restaurante España

Tapa Tradicional
- Taberna do España
- Casa Da Auga
- Manuel Manuel
- As Muxicas do Xoldra


Semifinalistas
Os establecementos elixidos para pasar ás semifinais por elección popular por parte das 42.000 persoas que participaron no Concurso foron:

Tapa Creativa:
-Arrocería Os Cachibaches
-Ave César
-Vía Láctea
-Los Bastones
-Cervecería Lugo
-O Lar de Adrián
-Paprica
-España
-Parrillada Antonio
-Restaurante Savoy

Tapa Tradicional
-Xoldra
-Manuel Manuel
-Tosar
-La Barra
-5 Vigas
-Tab. España
-Casa D'Auga
-A Nosa Terra
-Restaurante Verruga
-Muxicas do Xoldra

´Toda a información do 7º Concurso de Tapas de Lugo


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova