Imprimir

LÓPEZ OROZCO FAI BALANZO DA SÚA PARTICIPACIÓN NO VI FORO IBEROAMERICANO DE GOBERNOS LOCAIS QUE DEFENDEU MÁIS AUTONOMÍA E SEGURIDADE FINANCEIRA PARA OS CONCELLOS


3/10/2011 O Alcalde destaca a importancia de que Lugo estivera representada nun encontro que reuniu representantes de 130 cidades de América, Portugal e España

O Foro de Gobernos locais entregará a súa Declaración final ó Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e Goberno que se reunirá en Asunción a finais deste mes

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, fixo balanzo hoxe da súa participación no VI Foro Iberoamericano de Gobernos locais, que tivo lugar a semana pasada en Asunción (Paraguai) e no que se tratou sobre a autonomía municipal, a descentralización e os problemas de financiamento dos concellos.

O Alcalde, que tomou parte neste Foro atendendo unha invitación que lle fixo a Federación Española de Municipios e Provincias, agradeceu a confianza que depositou nel a Femp e tamén salientou a proxección que supón para a nosa cidade ter participado nun encontro que reuniu representantes de 130 cidades de América Central, América do Sur, o Caribe, Portugal e España.

Os alcaldes, alcaldesas e representantes dos Gobernos locais iberoamericanos reunidos no Foro de Asunción fixeron pública unha Declaración final que recolle as súas inquedanzas e compromisos. Esta Declaración farase chegar ó Cumio iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno que tamén se vai reunir en Asunción os días 28 e 29 de outubro.

López Orozco explicou que os participantes coincidiron na necesidade de ter claras as competencias de cada administración e en que cada unha delas conte con financiamento propio“. Tamén sinalou que “en España houbo unha importante descentralización pero os municipios tivemos que facer un gran esforzo económico pola nosa conta, porque non quedou solucionado o problema do financiamento local e, aínda así, os concellos temos un déficit case insignificante comparado coas Autonomías e o Estado e ese déficit afecta sobre todo a grandes concellos e non os de cidades de tipo medio como o nosa”.

Defensa da autonomía local

O Alcalde de Lugo explicou que no Foro quedou patente que a autonomía municipal é un tema de importancia en todos os países iberoamericanos xa que “dá igual cal sexa o país, en todos se reivindica que os concellos teñan claro o seu cometido e tamén o financiamento necesario para levar a cabo esas competencias e todos temos interiorizado que é fundamental defender a autonomía municipal”.

López Orozco tamén destacou que no encontro tivo ocasión de compartir experiencias con outros alcaldes e detallou que os rexedores de Esmeraldas (Ecuador) e de Asunción amosaron moito interese polas melloras no tratamento e saneamento da auga en Lugo, así como polos pasos que se están a dar para unificar a xestión de todo o ciclo da auga.