Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo ofrécelle colaboración á Xunta para arranxar o Museo de San Roque que leva case dez meses pechado pola falta de seguridade no edificio


# Martes, 04/10/2011


A Consellería de Educación non fixo ningunha proposta para construír novos centros escolares na cidade e lembra que o acordo de goberno do Concello inclúe a creación dun novo colexio no Sagrado Corazón

O Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Antón Bao, anunciou hoxe que o Goberno local ofreceralle colaboración á Xunta para arranxar as deficiencias que manteñen pechado o Museo de San Roque por falta de seguridade.

O Museo de San Roque leva pechado desde o 16 de decembro por mor das advertencias de falta de seguridade feitas polos servizos técnicos municipais que detectaron diversas deficiencias no edificio das foi advertida en reiteradas ocasións a Xunta de Galicia.

Bao anunciou que o Concello vaille mandar unha carta ó Director xeral de Patrimonio da Xunta na que se expresará a “absoluta disposición do Concello a colaborar para buscar unha solución” e expresou a súa confianza en que “se vai a chegar a un acordo e será posible atopar unha solución consensuada”.

“Ímonos dirixir á Xunta porque non podemos continuar co Museo pechado, ofrecerémoslle a nosa leal colaboración para intentar solucionalo no menor tempo posible”, dixo Antón Bao.

O Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Antón Bao, fixo tamén hoxe unha invitación expresa a todos os lucenses e visitantes a disfrutar das festas do San Froilán, que comezan esta tarde oficialmente, co pregón que lerá o escritor Paco Martín, ás 20.00 horas.

Novos centros escolares

Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo e Voceiro socialista, Luis Álvarez, referiuse a proposta socialista aprobada onte polo Pleno do Concello que insta á Xunta a crear unha Comisión para analizar as necesidades dos centros de educación infantil e primaria dos distintos barrios de Lugo.

O Voceiro socialista manifestou que “nós consideramos necesario un novo centro escolar no barrio do Sagrado Corazón, de feito, así se recolle nun dos puntos do acordo de Goberno asinado polo PSOE e o BNG”. Por este motivo, Luis Álvarez considerou “infantil o intento do PP de trasladar á opinión pública que non queremos ese centro” e recordou que o lugar que agora ocupa o colexio do Sagrado Corazón ten uso dotacional docente e a Xunta ten a responsabilidade de decidir se lle vale o actual emprazamento do centro ou necesita outro terreo e é quen ten a posibilidade de planificar as obras.

Álvarez considera que a actitude do PP, no Pleno de onte, obedece a un intento de “asumir un compromiso sine die, igual que fai coas instalacións do vello Hospital porque o PP é vítima desa descarga masiva de Conselleiros e promesas que se produciu en Lugo durante a campaña das eleccións municipais e, polo que se ve, non saben cal é o procedemento debido para a construción de novos centros escolares“.

O Voceiro socialista explicou que, cando a administración competente en materia de educación, a Consellería de Educación, quere facer un colexio, debe poñerse en contacto formalmente co Concello, no lugar de facer como fixeron en Lugo, xa que “non houbo ningún contacto, nin verbal nin por escrito, do Goberno galego, só houbo unhas declaracións á prensa da Delegada territorial da Xunta”.

Tamén explicou que é a Xunta a obrigada a poñerse en contacto formalmente co Concello “porque nós non sabemos se queren facer un centro de 30 unidades ou de 18, non sabemos que superficie queren que teñan as aulas, o ximnasio ou o patio do recreo“.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova