Cargando....
Concello de Lugo
16/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Pregón San Froilán 2011 - Paco Martín


# Martes, 04/10/2011
Queridas amigas e queridos amigo. Luguesas e lugueses, de Lugo e tamén de fóra...

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Queridas amigas e queridos amigo. Luguesas e lugueses, de Lugo e tamén de fóra, que eiquí nunca reparo tivemos en acoller como noso a todo aquel que chega de boa fe, nacera onde nacera e viva onde viva. Festeiras e festeiros todos:

Comezarei, porque é de cortesía, porque así se fai sempre nestas ocasións e, sobre todo, porque de verdade o sinto, comezarei, digo, por agradecer de todo corazón a vosa amable presenza e por facer saber do meu recoñecemento a aqueles que fixeron posible que agora eu poida compartir con todos vós este primeiro momento máxico dunha festa que se abre á ilusión e aos desexos de ledicia de cantos aquí estamos. Dunha festa que é a miña, a festa do meu lugar, a que me serviu para definir con xusteza ese concepto e para facer comparanza, sempre desde un chanzo superior, con calquera outra que me fose dado ver en calquera outra parte. Grazas por me conceder a honra persoal de permitir que sexa a miña a voz que hoxe avise do instante xusto que precede ao comezo da foliada e no que se mantén aínda acesa na alma de nenas e nenos, na das rapazas e rapaces e mesmo na alma daqueles que, coma un servidor, sentiron xa pasar os anos e mais os traballos moitas veces por diante dos seus ollos, a intención lúdica e sempre agardada duns días que non deben ser nunca iguais aos outros días do ano porque estes son os da festa propia, aquela á que todos estamos xentilmente convidados a participar.

A min foime xenerosamente concedido polos deuses o privilexio de poder vivir o San Froilán en cada un destes tempos vitais dos que acabo de falar e se cadra por iso fago por ler as miñas emocións xa idas nos ollos novos de nenas e nenos, vivamente abertos co asombro, radiantes pola ilusión agardada e nos que se veñen reflectir as charamuscas polícromas dos fogos de artificio acompañando o soriso máxico dos seus beizos, e comprendo así por que o san Froilán da miña infancia enchía todos os meus asombros e movía até o infinito a miña imaxinación. Era, para os nenos do meu barrio –e ben sei que tamén para os dos demais-, o tempo de mudar as beiras do río polo asfalto da urbe e mergullarse no rebumbio das motocicletas que daban voltas e máis voltas arredor da muralla, nas multitudes diversas que enchían as rúas, no galope orbital e uniforme dos cabaliños de madeira, os autos de choque turrando entre eles para seren orixe de risas e olladas máis ou menos furtivas, a tómbola aquela que entregaba aos que tiñan a sorte de posuír o número premiado un xamón ou unha restra de potas encarnadas –e era de ver a ledicia coa que os afortunados, sobre todo as afortunadas, facían alarde delas, mesmo sabendo das escasas posibilidades coas que contaban para podelas encher con algo máis ou menos suculento-, o arrecendo a churros, aquel pallaso, se cadra unha miga patético, que nunha primitiva versión do actual play-off, imitaba con vocalización esaxerada as cancións que os altofalantes transmitían desde o vedado interior do Teatro Arxentino, barraca só para maiores e, xa que logo, lugar presentido de pecado, e tamén as carreiras na procura das canas dos foguetes antes de volver contemplar os reflexos brillantes dos traxes daqueles que cantaban nas orquestras, a orixe incerta dos feirantes que me levaba a fantasiar sobre distantes xeografías e xentes exóticas, aquel demo familiar e case entrañable que acababa mallado a paos no Barriga Verde, todos eles facendo da nada un mundo efémero de soamente un par de semanas pero que sempre tiña cumprida continuidade no tempo da nosa imaxinación...

E había algo, hoxe desaparecido, para o que quixera tamén ter agora unha lembranza, creo que ben merecida. Refírome ás feiras, que foron a razón primeira do nacemento dos sanfroiláns e que para un cativo de Magoi, ou sexa que nin urbano nin rural, eran daquelas todo un universo por descubrir. Celebrábanse no vello Campo da Feira onde hoxe está a estación de autobuses, lugar que para os nenos do meu tempo nunca deixou de ter un aquel de espazo máxico, de sitio gardador de misterios non desvelados. Alí martes e venres había mercado e ti podías moverte polo medio da xente que vendía ou mercaba mollos de leña, queixos, paos para os zocos, madas de cimos, ovos, graos miúdos de semente de nabo e verza, palla e toxo para estrar aquelas cortes presentes en moitos sitios dunha cidade que aínda non soubera –ou non quixera- esquecer de todo a aldea da que nacera, cortes nas que se cebaba un porquiño e se mantiñan algunhas pitas e coellos. Alí, no campo aquel, era tamén onde se viñan instalar os circos que aquí chegaban, luces de cor, animais salvaxes dos que sabías polos debuxos da enciclopedia escolar, arriscados trapecistas, mulleres e homes facendo equilibrios na corda frouxa, e os pallasos, adorables provedores de ledicia a nenos, mulleres e homes, sufridores da dura realidade de cada día nun tempo en verdade pouco grato.

Mais cando en verdade o Campo da Feira chegaba ao cumio da súa máxica esencia era cando viña o San Froilán. Alí, na feira do gando, vacas, bois, xatos, eguas, cabalos, burros, mulas, nunha marea viva sucada con dominante mestría por tratantes de falas e acentos diversos que vestían amplas chambras escuras e preguntaban, prometían, avisaban e xuraban a berros debuxando co caxato filigranas no aire, mentres facían ostentación de presas de billetes de banco cinguidos con gomas elásticas de cor marela... Tamén había cegos de coplas, carteiristas do tres, mulleres de “moral distraída” á procura de clientes, os fazais, os nosos “trileiros” locais, de cámara, algunhas señoras e algúns señores de roupa fina e afeccións antropolóxicas, charlatáns vendedores de remedios para as dor de cadrís e as irritacións da gorxa e, sobre todo, aló contra o fondo, o espazo do pulpo, os tendais dos que penduraban os polbos a curar, os caldeiros fumegantes –as maos inmunes á calor daquelas mulleres admirables que levaban as miñas fantasías ao mesmo nivel que as de Jacques Mabille de Poncheville, o poeta viaxeiro francés de quen tanto gustaba falar don Ánxel Fole- e os casetos de táboas espidas, camufladas no interior con carteis de cine e anuncios de ZZ e cos seus letreiros riba da porta: Manolo o Panadeiro é o que chuta primeiro, poñía nun, noutro poñía: Pra comer e beber bon viño e boas cousas visitar a caseta de Chousa e había un, ao que íamos sempre os da casa porque era dun amigo de meu pai,, no que aparecía pintada, no máis alto do letreiro, a figura medio recortada dun galo, despois o nome do establecemento dividido en tres partes: primeiro Francisco Alegre –título dun pasodobre moito de moda na época-, unha miga máis abaixo Vaiche de varanda e por último, con letras de maior tamaño, Garigolo , que era como o señor Jacinto, propietario do establecemento, denominaba a aquel tipo de efémeras construcións que non tiñan outra misión que a de abeirar da choiva ou do sol a aqueles que alí acudían en demanda de cachelos, viño e pan para a acompañar a apetitosa dose de polbo que adquiriran fóra, ao pé do caldeiro. Eu quixera aproveitar esta oportunidade para reivindicar aquel substantivo e solicitar unha mudanza, mesmo oficial, de nome ás hoxe chamadas casetas, apelativo bastante ordinario por certo, substituíndoo polo máis orixinal de Garigolos, dándolles así personalidade propia ás que son do san Froilán que ben merecen diferenciarse das que poida haber en calquera outra parte do mundo...

E despois comezaban as clases no Instituto, os días ían decrecendo e sabías que segundo fosen pasando outonos outros serían os ollos e outra a ilusión cos que haberías vivir o San Froilán. Ollos de mocidade, atentos e sagaces no máxico lusco e fusco dos seráns, regalados no aceno máis antigo que Amor ditou. E comprendías por que o Domingo das Mozas é o máis importante domingo do ano, aínda que seguises asombrándote co motorista portugués que, sen perder o sorriso desafiaba a lei da gravidade dentro dun enorme cilindro de metal e madeira ou coa efectista velocidade manual daquel artista plástico que despois sorteaba os seus debuxos valéndose dunha gastada baralla. E a Lugo viñera o ballet de Maurice Bejart e desfixera todas as ideas que os lugueses podiamos ter establecidas de antemán sobre a arte da danza, para escándalo dalgúns puristas de publicacións ilustradas e controladores da superficie de coiro visible nas pernas das bailarinas pero tamén para satisfacción dunha reprimida rapazada que nunca tal viramos. E isto era nun garaxe e almacén de pensos do barrio de san Roque onde tamén, noutro san Froilán, un grupo de teatro da Coruña, Téspis creo que se chamaba, fixera unha moi digna representación de “O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca”, da que é autor don Álvaro Cunqueiro e que a min –e supoño que a moitos máis- me permitira descubrir o verdadeiro alcance dunha fala á que se lle pretendía negar, por parte dalgúns, capacidade comunicadora e un valor literario que alí se demostraba sen límites. E así quedei para sempre agradecido a aquel garaxe, a aquela compañía de teatro, aos ramistas do san Froilán e, sobre todo, ao xenio literario de Álvaro Cunqueiro, a quen tomei de mestre sen lle pedir permiso e a quen lle gardo para sempre fidelidade cumprida, ao igual que lla gardo a Pelúdez e mais a Filomena, entrañable referente para moitos de nós de todos aqueles homes e mulleres que chegaban á capital da provincia nestas datas, case sempre á casa dalgunha filla ou dalgún fillo dos que abandonaran a aldea para procurar un mellor futuro na cidade, e que por estas rúas camiñaban, inxenuos, avisados e prudentes, observadores críticos e coa sabedoría precisa para ir ollando o que de mellor puidese concederlles aos seus o futuro. A el, que ben sei que por aquí andará, a Filomena e mais a cantos hoxe compoñen a súa familia quero facerlles chegar a cariñosa aperta que Ramón Lamote me encargou que lles transmitise avisando de que xa non lles ha faltar a ocasión de tomaren xuntos unhas cuncas de bo tinto e uns rabiños de pulpo.

E, se eles mo permiten, tamén eu farei por acompañalos en tan agradable mester para que falemos daqueles sanfroiláns da miña mocidade que contribuíron en moita medida a que eu puidese pescudar mellor nalgúns dos recunchos menos visibles da nosa alma colectiva e así compensar algo a perda progresiva desas facultades que o paso dos anos vai estragando pouco a pouco. Os meus ollos ían facendo por ver mais que por mirar como mudaban as xentes e tamén os xeitos de entender a vida, ás veces para ben e ás veces para menos ben. As transformacións sociais, culturais, económicas e mesmo políticas reflectíanse cada ano tamén neste noso san Froilán e a min a idade íame permitindo debuxar ese sorriso entre comprensivo, envexoso e mesmo algo raposeiro propio de quen chegou xa a formar parte do grupo de risco a quen as autoridades sanitarias aconsellan poñer a vacina da gripe cada ano cando chegan estas datas. Xa non veñen feirantes de chambra escura, caxato bulideiro e tesoiras de marcar porque outras son as mercadorías, outros os mercadores e, sobre todo, outros e nada accesibles os espazos onde se cerran os tratos. Xa non veñen cantores de romances porque resulta imposible competir coa opresora vulgaridade de determinados programas de televisión. Xa hai tempo que os fazais saben da súa pouquidade diante de multinacionais da gran estafa como Bernard Madoff e demais. Xa non veñen os paisanos coa besta, ou a vaca ou a ovella porque ben vedes cal é o gando co que agora se feirea...

Mais a festa sigue a ser a festa e as festeiras e festeiros temos a obriga de vivila, cada un ao seu xeito, sabendo como sabemos que cada día que pase alguén haberá que nos veña rosmar á orella insistindo na crise que non está a esmagar, no sacrificio que nos corresponde facer –aos de sempre, claro- e aconsellando a que santo, ou santa ou sucedáneo transmutado en candidato nos habemos encomendar para que non vaiamos a peor do que xa estamos.

Os santos que agora teriamos máis a mao dificilmente poderán atendernos en algo. Hoxe é san Francisco –día da miña onomástica, por certo- e mañá celebraremos o do noso patrón san Froilán, e sabemos que foron, ambos os dous, pacíficos amansadores de atroces lobos carniceiros: o de Asís daquel rudo e torvo animal, en versos de Rubén Darío, devorador de años e de pastores en Gubbio na Umbría italiana e o noso conterráneo de aí abaixo, do Regueiro dos Hortos, daquel que, famento, lle matara o dócil burro, portador e compañeiro, en Ruitelán, na vía de Vilafranca ao Cebreiro. E foron exemplo de eficacia, pero é que agora están aí as primas de risco, os Leheman Brothers, eses entes abstractos que chaman mercados, a axencia Standard and Poor’s, o Fondo Monetario Internacional, os Dow Jones, os Nikkei e mesmo os Ibex 35, os brokers –hai que ver as cousas que chegamos a dicir, mesmo sen saber moi ben o que significan, soamente para que non nos miren por riba do ombro cando entramos nunha oficinas dun banco-, e os bonos varredura, o pavoroso Goldman Sachs e toda esa chea de siglas e organismos sen ollos aos que mirar nin rostro no que poder ler sentimentos... Demasiados lobos e demasiado sanguinarios, iso é certo, pero, malia que estes son os lobos que nós mesmos, por acción ou por omisión, fomos axudando a que medrasen sen pensar en que podían acabar engulindo a quen os criou, fagamos agora por lles facer fronte aínda que soamente sexa por pura dignidade. Que ben poden as feras perder os dentes querendo roer nalgún óso, por tenro que este lles pareza a primeira vista.

Con iso gañaremos todos e aledaremos ao noso patrón san Froilán, e tamén ao seu lobiño manso aos que debemos honra nestes días que veñen, días que deberán ser para nós de ledicia sa e amizade compartida. Hai unha programación disposta na que verteron os seus esforzos as persoas encargadas da organización e na que poderemos atopar opcións válidas e motivos certos de diversión, pero, non nos enganemos, quen verdadeiramente debe facer a festa somos os propios festeiros. Ninguén pode, por sorte, programar o que de autenticamente fermoso hai nunha festa porque ninguén pode saber aínda dos amores novos que nela poden agromar nin dos reencontros conmovedores a que poden dar lugar.

Fagamos, amigas e amigos, canto sexa posible por vivir a propia festa con intensidade, esquecendo por algún tempo aquilo que de pouco agradable poida ter la realidade cotiá, que non é pouco, desafortunadamente, e loitemos por conseguir algo semellante a aquilo que o poeta Paul Valery chamaba a divindade posible de entrar no inútil. Tempo haberá para esforzos, traballos e desilusións, este é o momento de reivindicar o pouco práctico, o nada eficaz, o reino do soñado, o intre no que se poden pensar como certas algunhas das nosas máis gardadas fantasías.

Que reine a concordia e mais a boa veciñanza, a tolerancia para desculpar as posibles faltas alleas e a moderación para que non aparezan as nosas, que estean ben cumpridas as mesas todas e en tódolos rostros resplandeza a risa franca, que o tempo meteorolóxico nos axude, que as barracas e mais as orquestras non excedan moito do nivel de decibelios que teñen estipulado para mellor descanso de aqueles que o precisen e tamén para permitir que non afoguen no bulicio esas palabras, quen sabe canto tempo agardadas, que o rapaz nervioso murmurará, en voz baixa, preto do oído dunha moza ilusionada.

Fagamos o posible por ser coma o neno que sabe, xeneroso, abrir por enteiro os seus ollos ó colorido fantástico dos foguetes no alto ceo, intentemos comprender á muller que deixa asomar no brillo da súa mirada o recordo dun antigo romance que non o foi, apoiemos ó vello nostálxico que lembra a emoción de tantas cousas que xa non poderán volver, compartamos o rubor vivo desas meixelas femininas, acesas despois de sentir o contacto novo da man nerviosa do rapaz e procuremos tolerar co noso mellor talante a incongruente fala dese noso veciño que hoxe cargou algo dianteiro e quere agora facernos partícipes dos seus máis íntimos desexos, porque tamén todo iso é a festa...

Gocémola, xa que logo, ao son brincador do corazón dos máis novos, ao das vellas cancións de sobremesa e á luz sempre acesa do incomparable sorriso da avoa.

E pois a festa debe ser ledicia, amor e irmandade compartidos, luz e troula para os sentidos, satisfacción para almas e para estómagos, fagamos, amigos, a festa e que sexa para ben, que iso é o que nos merecemos.

E de hoxe nun ano.

Grazas.

Lugo, 4 de Outubro de 2011

 

www.sanfroilan.info

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova