Imprimir

ABRE AS PORTAS ARTESANFROILÁN, A MOSTRA DE ARTESANÍA MÁIS RENDIBLE DE GALICIA CON BENEFICIOS SUPERIORES ÓS 100.000 EUROS


5/10/2011

O Alcalde inaugura a exposición na que participan 26 profesionais de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Valladolid logo de recibir 75 solicitudes de artesáns de toda España e Portugal

A mostra inclúe 25 expositores con pezas de téxtil, cerámica, encaixe, marroquinería, flor seca, oleiría, vidro, cartón pedra, serigrafía, xoiería, cestaría e bonequería. A institución premiará con 1.000 euros ó “stand” máis orixinal na presentación e imaxe do produto

A Deputación leva ademais un expositor con información sobre “Los Productos de Lugo”, a 1º plataforma de comercio electrónico na provincia á que se sumaron, sen custe algún, 55 entidades lucenses que están a obter novos beneficios ó vender os seus produtos en Internet


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, xunto a ducias de profesionais do sector, inauguraron este mércores a XIV edición de Artesanfroilán. É a mostra de artesanía que o organismo provincial, a través do CENTRAD, leva á capital lucense durante o San Froilán en apoio a estes festexos. A institución aproveita a maiores, a afluencia de miles persoas procedentes de distintos puntos do país para dar conta da riqueza artesanal galega e impulsala ó exterior. Trátase ademais, da exposición de artesanía máis rendible de Galicia porque, mentres o volume de negocio que xera é superior ós 100.000 euros, o único custe para os profesionais é de tan só 365 euros. É o prezo que habilitou a Deputación para o aluguer dos expositores, sendo 3 veces inferiores ós das mostras celebradas nas restantes cidades da Comunidade galega. O organismo provincial asume a totalidade dos custes, investindo 50.000 euros e logrando que os beneficios para o sector sexan maiores.

Artesanfroilán é unha mostra consolidada e con nome en España. Nos últimos 4 anos, foi ganando prestixio no sector principalmente, debido ós beneficios acadados polos seus participantes. Neste senso, foi clave a colaboración que o Concello de Lugo presta dende hai 3 anos á Deputación, facilitando un céntrico espazo detrás da Casa Consistorial luguesa polo que transcorren miles de persoas para situar aí a exposición. Tendo en conta os bos resultados económicos e o feito de que Artesanfroilán se trate da mostra de artesanía máis rendible de Galicia, rexistráronse 75 peticións de artesáns de toda España, principalmente de Castela León e Cataluña, ademais de profesionais de Portugal, para participar en Artesanfroilán 2011.

Diversidade artesanal
Dende hoxe e ata o 12 de outubro, 26 profesionais poñen á venda os seus traballos na Praza Anxo Fernández Gómez. Son 13 artesáns de Lugo, concretamente dos Concellos de Monforte (3), Ribadeo (1), Viveiro (2), Outeiro de Rei (1), Cervo (1) e Lugo (5); 7 de A Coruña, dos municipios de Melide, Santiago, Teo, Buño, Oza dos Ríos, Sigras Cambre, Ponte do Porto; 5 de Pontevedra, Moaña, Vigo, Panxón, Pontecaldelas e Pontevedra; e 1 de Quintanilla Trigueros, en Valladolid.

Para a selección destes profesionais avaliouse, tal e como recollen as bases feitas públicas, a súa procedencia, primando en primeiro lugar, que fosen da provincia lucense e logo de Galicia. Ademais, tamén se tivo en conta a calidade e a variedade dos produtos, co obxectivo de que a mostra acolla a diversidade artesanal. Deste xeito, 25 “stands” contarán con pezas de téxtil, cerámica, encaixe, marroquinería, flor seca, oleiría, vidro, zapatos, cartón pedra, serigrafía, xoiería, marquetería, cestaría, bisutería, telar ou bonequería.

“Los Productos de Lugo”
A Deputación aproveita a ocasión para potenciar os produtos autóctonos, levando á mostra un expositor sobre “Los Productos de Lugo”. É a 1º plataforma de comercio electrónico na provincia, posta en marcha pola institución mediante o Innova-TE, o programa tecnolóxico co-financiado nun 70% pola Unión Europea. Trátase do “centro comercial virtual” ó que se sumaron 55 empresas lucenses. O “stand” conta coa información necesaria para que todas as entidades da provincia que o desexen se adhiran á iniciativa sen custe algún, permitíndolles poñer á venda ós seus produtos en Internet. O 60% das empresas integradas en “Los Productos de Lugo” xa incrementaron os seus beneficios, ó contar cun punto de venda aberto ás24 horas do día: a Rede.

No expositor tamén se facilita información sobre o sinxelo e rápido proceso de compra dos máis de 150 produtos que están á venda na plataforma. Para elo, só é preciso entrar en www.losproductosdelugo.com onde se atopa o catálogo de produtos de alimentación, artesanía, moda, servizos de lecer e mesmo instrumentos musicais, entre outros. A continuación, só hai que elixir os produtos desexados, incorporalos á cesta da compra pulsando sobre a imaxe do carriño da compra e tramitar o pedido, elixindo a forma de pago. Todas as transaccións se efectúan mediante unha conexión totalmente segura que garante a privacidade dos datos do comprador.

Horarios e premio
Artesanfroilán está aberto ó público no seguinte horario: de 11:00 ás 14:30 horas e de 17:00 ás 21:30 horas. O día 12 pechará ás 21:00 horas. Este mesmo día, a Deputación galardoará con 1.000 euros ó mellor expositor. Para elo, tal e como recollen as bases do concurso feitas públicas, avaliarase o deseño do “stand”, a presentación do produto, a orixinalidade e o esforzo por mellorar a imaxe da feira.

www.sanfroilan.info