Imprimir

ENTRA EN FUNCIONAMENTO A NOVA ILUMINACIÓN DE OITO RÚAS DE FINGOI, NAS QUE SE INVESTIRON 400.000 EUROS


6/10/2011

Tratase das rúas Escocia, Inés de Castro, Xoana de Castro, Erín, Codesal e parte de Mariña Española, Armórica e Roi Xordo, substituíndo instalacións de máis de 25 anos de antigüidade

A segunda fase, que será acometida antes de que acabe o ano, suporá un investimento doutros 300.000 euros e mellorará o alumeado noutras 7 rúas e no parque infantil e na zona de xogos da Praza Roxa

A concelleira do BNG Paz Abraira resaltou o traballo feito polos traballadores do Concello, pola súa eficacia e profesionalidade resaltado que “a aposta polos servizos públicos de calidade é a verdadeira austeridade”


Esta noite entra en funcionamento a nova iluminación de 8 rúas do barrio de Fingoi, unha intervención que contou cun orzamento de 400.073,38 euros, segundo informou esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira. Trátase das rúas Escocia, Inés de Castro, Xoana de Castro, Erín, Codesal e parte de Mariña Española, Armórica e Roi Xordo, pertencentes a unha das fases do Proxecto de Alumeado Público “Pintor Corredoira e Outras”, realizado polo Servizo Electromecánico e Industrial do Concello de Lugo. Este feito foi destacado por Paz Abraira como exemplo de “verdadeira austeridade”.

A iluminación sustituida contaba con máis de 25 anos de vida, producíndose unha perda de eficiencia inevitable, co que esta circunstancia significa desde o punto de vista económico e ambiental. A concelleira nacionalista destacou que “pese que a crise económica afecta de maneira notable á capacidade inversora do Concello, desde esta concellería apostamos por seguir mellorando a calidade de vida dos veciños con planificacións a medio e longo prazo.”

A intervención realizada comprende diferentes prazas, rúas e xardíns, polo que o proxecto adaptouse á singularidade da zona, tendo en conta as características propias dos diferentes espazos, tanto esteticamente como espacialmente, xa que neste barrio, un dos máis antigos e populares da cidade de Lugo, vive moita xente maior, o que facía precisas unhas necesidades de iluminación maiores.

Instalouse unha potencia total en lámparas de 22.350w (sumándolle os equipos chegaría a 24.860w). Prevense 4.287,3 horas de funcionamento anual sendo a enerxía consumida de 106.587,23 Kwh/ano cun coste anual aproximado de 9.089,83 €/ano.

Segunda fase, outros 300.000 euros

Paz Abraira anunciou tamén que antes de que acabe este ano comezarán as obras da segunda fase, que completarán o proxecto de iluminación do barrio de Fingoi. Afectará ás rúas Pintor Corredoira, Armando Durán, Fernando Esquio, Cornubia, Trebo e a parte que falta das rúas Roi Xordo e Armórica. Así mesmo, iluminaranse tamén as pistas de baloncesto e a zona de xogos infantís ubicados na Praza Roza. O orzamento desta segunda fase é de 300.000 euros. Atópase neste momento en proceso de contratación.

A concelleira do BNG Paz Abraira resaltou o traballo feito polos traballadores do Concello nas obras que hoxe se inauguran, pola súa eficacia e profesionalidade, destacando que “a aposta polos servizos públicos de calidade é a verdadeira austeridade”.