Imprimir

A ASOCIACIÓN CONCEPCIÓN ARENAL RECIBE A MEDALLA DE PRATA Ó MÉRITO SOCIAL DE INSTITUCIÓNS PENITENCIARIAS


7/10/2011 O Alcalde destacou o labor social da asociación que traballa pola reinserción das persoas que cumpren condenas

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou hoxe no acto de entrega da Medalla de prata ó mérito social de institucións penitenciarias á Asociación Concepción Arenal. O acto tivo lugar esta mañá na Subdelegación do Goberno. A Presidenta da Asociación Concepción Arenal, Marina Cillero recibiu de mans do Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, a Medalla que recoñece a loita desta asociación pola reinserción social de persoas que cumpriron condena na nosa provincia.

O Alcalde deulle os parabéns por este merecido recoñecemento á Asociación da que dixo que “está integrada por persoas que, a cambio de nada, axudan ós demais en cumprimento dos principios constitucionais que establecen que o cumprimento das penas debe ir aparellado da reinserción social”.

Neste acto participaron ademais, a Vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e o Subdirector adxunto da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, Víctor Fraga, así como outros membros do equipo directivo da Asociación Concepción Arenal, o Presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo, e o Fiscal Xefe, Javier Rey Ozores.

A concesión da Medalla de prata ó mérito social penitenciario supón un dos maiores recoñecementos pola realización de importantes servizos no ámbito penitenciario, así como a súa importante contribución á mellora da actividade penitenciaria en calquera das súas manifestacións. Esta condecoración é outorgada por resolución da Secretaría de Estado de Institucións Penitenciarias.

A asociación

A Asociación Penitenciaria Concepción Arenal nace en 1989 desde a Comisión Provincial de Asistencia Social, formada por representantes do Ministerio de Xustiza, Xunta de Galicia, Concello de Lugo, Deputación provincial de Lugo, Colexio de Avogados, Colexio de Traballadores Sociais, Inem, Institucións Penitenciarias...

A devandita comisión é dependente da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias, dacordo co artigo 75.2 da Lei Orgánica 1/1979 de 26 de setembro, Xeral Penitenciaria, co obxectivo de conquerir a colaboración de xeito permanente para o estudo da problemática penitenciaria, e, en especial, para o tratamento dos excarcerados/as existentes nos centros penitenciarios da nosa provincia.

Así pois, iniciase a andadura desta asociación, colaborando de xeito activo e continuado nos centros penitenciarios da provincia e co Servizo de xestión de penas e medidas penais alternativas de Lugo.

Pouco a pouco foise iniciando un proxecto innovador nesta provincia, con actividades encamiñadas cara o estudo da problemática penitenciaria, cos obxectivos principais de axudar ás persoas que se vían envoltas nestas situacións, proporcionándolles información.

Sen embargo, este proxecto foi avanzando, xa que non só se pretendía dar información, senón evitar problemas que se suceden neste ámbito penitenciario. Con estes argumentos críase importante a información e o estudo por parte dos profesionais deste sector de actuación, polo que se empezaron organizar as “Xornadas Penitenciarias Lucenses”, que este ano chegaron a súa vixésimoquinta edición.

Durante estes anos foise formando unha estrutura en torno á asociación para a consecución de recursos económicos, o que supón un abano máis amplo nos programas desenvolvidos.

Tanto é así que actualmente contan co desenvolvemento de varios programas, grazas ás subvencións concedidas por entidades ou institucións como La Caixa, o Ministerio de Sanidade e Política Social, Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Concello de Lugo. Por outro lado, conta tamén con donativos de varias empresas lucenses que colaboran economicamente nestas actividades.