O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado por Sonia Méndez, Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos e por Francisco Fraga, Concelleiro de Servizos Xerais fixeron unha visita ao Mercado Municipal. O obxectivo desta visita era coñecer de primeira man o novo restaurante de comida italiana que abriu con axuda do Plan Urban, que financian a Unión Europea, o Concello e a Deputación Provincial.
López Orozco destacou que “nestes tempos de tanta incertidume económica, o Plan Urban está colaborando para que emprendedores da nosa cidade creen novos postos de traballo e dinamicen unha zona comercial tan importante como é o Mercado de Abastos.”
O Concello de Lugo leva concedidas 119 axudas para mellorar negocios no Casco histórico a cargo do Plan Urban cunha inversión total superior a 600.000 euros. No que se refire á Praza e ao Mercado de abastos concedéronse axudas a cinco locais cun importe total de 51.205,46 euros, que se empregaron para a mellora de terrazas, rótulos e fachadas e para a axuda e instalación de novas actividades económicas como a que hoxe se visitou. Estas actuacións tamén conseguiron a creación e mantemento de 10 postos de traballo, unha das prioridades do goberno municipal.
Praza e Mercado Municipais
O Concello de Lugo conta cun total de 99 postos divididos entre o Mercado e a Praza de Abastos dos que 82 están ocupados ou solicitados con actividades económicas. No Mercado están ocupados ou comprometidos 32 postos e 1 está libre, mentres que na Praza están ocupados ou comprometidos 50 e 16 están libres.
Francisco Fraga explicou que “dende o Concello queremos potenciar tanto a Praza como o Mercado e queremos que sexa un centro de referencia comercial na cidade. Ademais, unha das medidas que se instalarán co inicio do próximo ano, sempre co acordo dos praceiros, é que abra en horario continuo, dende as 08:00 horas ata as 22:00 horas.” Con esta modificación dos horarios preténdese intentar conciliar os novos horarios dos traballadores cos dos postos de venda para que teñen unha maior repercusión económica e, a súa vez, de servizo aos cidadáns.
Feira de produtos naturais
Por outra parte, o Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga anunciou que “todos os martes en horario de 17:00 a 20:00 horas vaise celebrar unha feira ecolóxica no Mercado no que se poderán mercar produtos ecolóxicos e tratados exclusivamente con abonos naturais”. Esta actividade denominada Mercado da Terra. Produtos Naturais está organizada pola Asociación Bandullo Ecolóxico en colaboración co Concello de Lugo.