Cargando....
Concello de Lugo
18/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O xoves comezan as obras de renovación do firme na Avenida Paulo Fabio Máximo e o luns na Ronda de Fingoi


# Martes, 11/10/2011
Aínda que o tráfico non se verá interrompido, recoméndase aos condutores a búsqueda de itinerarios alternativos para os seus desprazamentos

Estas actuacións contan cun orzamento de 280.000 euros e estarán rematadas antes de final de ano

Este xoves darán comezo as obras de renovación do firme na Avenida Paulo Fabio Máximo no tramo máis próximo á Avenida Duquesa de Lugo e o vindeiro luns farase o mesmo nas obras previstas na Ronda de Fingoi. Estas actuacións, que se enmarcan dentro dun convenio coa Deputación Provincial para a renovación do firme en varias rúas da cidade, contan cun orzamento de 280.000 euros e estarán rematadas antes de final de ano.

A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, explicou que estes traballos, que foron paralizados por mor das festas para non afectar ao tráfico nestes días, darán comezo de xeito inmediato e aínda que o tráfico non se vai ver interrompido, si se vai ver dificultado por mor dos desvíos necesarios, polo que se recomenda aos condutores buscar itinerarios alternativos.

No caso da Avenida Paulo Fabio Máximo as obras consistirán na renovación completa no firme dos catro carrís da avenida no tramo máis próximo á Avenida Duquesa de Lugo. O resto da vía xa foi renovada aproveitando as obras de urbanización acometidas nas parcelas próximas destinadas á construción de vivendas públicas. O tramo no que se vai actuar agora comprende uns 200 metros. O orzamento total é de 44.000 euros.

No caso da Ronda de Fingoi, cuxas obras comezarán o luns, os traballos consistirán tamén no fresado e renovación do firme nos dous carrís da marxe dereita en sentido ascendente, dende o cruce con Pintor Corredoira ata a Rúa Armórica. O prazo de execución desta obra é de tres meses e o orzamento de 235.000 euros. No outro carril de circulación o pavimento foi renovado recentemente.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova