Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Casa da Xuventude empeza funcionar coa programación de actividades para mozos organizada polo Concello


# Martes, 11/10/2011
Carmen Basadre anuncia que a maioría das actividades que comezarán este venres celebraranse na Casa da Xuventude

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A Concelleira anuncia que o Concello unificará nun só plego as actividades socioculturais e de Xuventude e vaise modificar a Ordenanza para darlle prioridade ás persoas con menos recursos económicos


A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, presentou hoxe as actividades que organiza este trimestre o Concello para a mocidade de Lugo. Esta programación inclúe cursos de formación, obradoiros, xogos e actividades lúdicas, que son gratuítas e vanse desenvolver dende o 14 de outubro ata o 17 de decembro. A maioría das actividades terán lugar nas instalacións da Casa da Xuventude, que xa está en funcionamento.

A Concelleira de Xuventude anunciou que pasado este trimestre, unha vez que remate o contrato coa empresa adxudicataria das actividades, o Concello unificará o plego das actividades socioculturais e as de xuventude e tamén se vai modificar a Ordenanza que as regula para darlle preferencia no acceso ás actividades os veciños con menos recursos económicos.

Carmen Basadre explicou que a organización destas actividades na Casa da Xuventude permitirán poñer a proba se é axeitado o seu horario de funcionamento que inicialmente será de 9.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 21.30 pola semana e de 16.30 a 21.30 os sábados. A Concelleira indicou que tamén se está montando unha biblioteca que xa consta de case que 800 libros, que se están clasificando para incluílos nunha base de datos.

A Concelleira destacou que a programación inclúe actividades moi distintas, moitas delas vinculadas a artesanía, pero tamén hai apoio escolar para adultos ou cursos sobre a creación de empresas.

Cursos de formación e obradoiros

A Concellería de Xuventude tamén organiza unha serie de cursos formativos que terán lugar do 24 de outubro ó 23 de decembro. Os luns e mércores, de 9.30 a 13.30 adicaranse a formación como monitor/a de actividades, os martes e os xoves, de 9.30 a 11.30, de inglés profesional e de 11.30 a 13.30, de relacións públicas e protocolo, e, por último, os venres, de 9.30 a 13.30, apoio escolar para adultos.

Estes cursos impartiranse dende o 24 de outubro ata o 23 de decembro e as inscricións deben facerse na Casa da Xuventude ata o 20 de outubro. Para matricularse será necesario presentar o DNI ou NIE, no caso de non estar censado/a en Lugo haberá que presentar a matrícula no centro de ensinanza ou documento que acredite estar traballando no noso municipio e os menores de idade deberán presentar unha autorización do titor legal.

Do 14 ó 16 de novembro celebrarase o curso “Crea a túa empresa”, en colaboración co CEI-Nodus, con horario de 9.30 a 13.30 horas. As inscricións deben facerse antes do 10 de novembro, na Casa da Xuventude. E do 28 ó 30 de novembro, tamén en colaboración co CEI-Nodus, terá lugar o curso “Xestiona a túa empresa”. O horario será de 9.30 a 13.30 horas. Neste caso o prazo de inscrición remata o 17 de novembro.

A programación tamén inclúe obradoiros de coiro os luns e mércores, de 18.00 a 19.30 horas, e de artesanía, de 19.30 a 21.00, que se celebrarán do 24 de outubro ó 21 de decembro. Do 25 de outubro ó 22 de decembro, os martes e xoves haberá obradoiros de feltro, entre 18.00 e 19.30 horas, e de reciclaxe e decoración de roupa, entre 19.30 e 21.00 horas. E do 28 de outubro ó 16 de decembro haberá apoio escolar para adultos.

Movida Alternativa Xuvenil

Dentro do programa MAX, Movida Alternativa Xuvenil, están previstas as seguintes actividades:

Os venres haberá estes cursos: de 19.30 a 20.30, manualidades; de 20.30 a 21.30, de oratoria; de 21.30 a 23.00 de street dance, todos eles na Casa da Xuventude, e de 23.00 a 00.30, de patinaxe-xoquei en liña, no Polideportivo da Piringalla HL Lugo. Para participar no curso de oratoria será necesario inscribirse e o prazo está aberto ata o día 13 de outubro

Os sábados haberá cursos de ioga, de 19.30 a 20.30 horas; coiro, de 19.30 a 20.30 horas; maquillaxe de efectos especiais, pasarela e fotografía, de 20.30 a 21.30 horas, na Casa da Xuventude, e de 20.30 a 22.00 horas haberá tenis de mesa no parque da Milagrosa CD Dez Portas. Para tomar parte no curso de maquillaxe será necesario facer a inscrición antes do día 20 de outubro.

Ademais os venres e os sábados de 17.00 a 00.30 horas haberá as seguintes actividades: X-box kinect, wii, xogos de inxenio, plataformas de baile, billar, ping-pong e internet.

Asesoramento

A Concellería de Xuventude tamén porá en marcha o 17 de decembro o servizo de asesoramento xurídico, psicolóxico e sexual, ó que poden acudir os mozos e mozas de Lugo para resolver dúbidas ou recibir información sobre cuestións como a formalización de contratos de aluguer, problemas derivados coa conduta alimentaria ou enfermidades como a Sida ou as de transmisión sexual.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova