Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello e Deputación reeditan a Feira Outlet de comerciantes de Lugo con beneficios de 100.000 euros para o sector


# Xoves, 13/10/2011


Imaxe Asociada
Sonia Méndez e Regina Polín presentaron a iniciativa conxunta en impulso á actividade comercial lucense que se engade ás 119 axudas do Plan Urban coas que se produciu un investimento total de 620.000 en empresas do Casco histórico ou á celebración anual da Gala Muralla Moda

23 profesionais da cidade poñen á venda os seus stocks –pezas de zapatería, téxtil, xoiería, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos ou agasallos- con descontos de entre o 50% e o 70%

O Alcalde e o Presidente da Deputación inaugurarán o venres, ás 16:30 horas, a única feira outlet no centro da capital que permanecerá ata o domingo na praza Anxo Fernández Gómez, o mesmo lugar onde se celebrou Artesanfroilán que vén de acadar un volume de negocio de 84.000 euros


A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, e a Deputada de Deseño e Artesanía, acompañadas pola Presidenta da Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo, Nora Real, presentaron este xoves a Feira Outlet que acollerá dende o este venres e ata o domingo a céntrica praza da cidade lucense Anxo Fernández Gómez. É a única feira outlet na que participan comerciantes exclusivamente da cidade e que se celebra no centro da capital. Trátase ademais, da segunda edición desta iniciativa que organizan o Concello e a Deputación a proposta de dito colectivo de autónomas lucense. Con ela reedítase unha iniciativa que, na súa primeira convocatoria e só durante 3 días logrou que os comerciantes lucenses acadaran un volume de negocio de 100.000 euros. Ademais, optimízanse recursos xa que ó celebrar agora esta feira, aproveitase a carpa de Artesanfroilán. Ó respecto de dita mostra de artesanía, a Deputada de Deseño e Artesanía avanzou que o volume de negocio acadado nesta edición foi de 84.000 euros, cunha media por “stand” de 3.500 euros.

A 2º Feira Outlet enmárcase dentro da aposta compartida de ambas as dúas administracións lucenses polo impulso ó sector comercial e engádese, deste xeito, ás 119 axudas do Plan Urban que, xunto ás achegas dos propios profesionais, supuxeron un investimento de 620.000 euros nos negocios emprazados no Casco Histórico da capital. A maiores, outro medio cento de profesionais promocionan e poñen en valor no exterior a súa actividade coa Gala Muralla Moda que dende hai 2 anos organizan na capital ditas institución lucenses co obxectivo de potenciar e manter postos de traballo no sector empresarial.

Descontos de ata o 70%
A Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo reuniu a 23 comerciantes lucenses para por á venda na capital e antes ca ningún outro comerciante de fóra de Lugo os seus stocks. Deste xeito, a cidade de Lugo acolle unha mostra composta por variadas pezas de zapatería, téxtil, xoiería, mercería, óptica, droguería, bisutería, lencería, fogar, pel, complementos ou agasallos con descontos de entre o 50% ó 70%.

Os profesionais participantes son os seguintes: Clamar Regalos, Droguería Romai, Abegonza, Casa Alvarinho, Stela, Chic, El Duendecillo, Lilas, INPE, Dick&Paul, Opticalia Callao, CVP Regalos, Joyería Senén, Briti, Chiqui, Rocha´s, Sainkho, Ana Complementos, Óptica de la Torre, Local 12, Messalina e Joyería Torques.

Inauguración e horarios
A feira abrirá as súas portas este venres, 14 de outubro, logo da inauguración a cargo do Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e que terá lugar ás 16:30 horas na praza Anxo Fernández Gómez. A partir de entón, o céntrico espazo habilitado polo Concello será escenario desta mostra outlet ata o vindeiro domingo, 16 de outubro, no seguinte horario: venres, de 16:30 ás 22:00 horas; sábado e domingo de 11:00 ás 14:30 horas e de 16:30 ás 22:00 horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova