Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Oito empresas preséntanse ao concurso público para a atención da Oficina de Turismo e os Museos Municipais


# Xoves, 13/10/2011
O prezo de concurso é de 161.000 euros e o contrato durará como máximo un an

Imaxe Asociada
Oito empresas presentaron as súas ofertas ao concurso público convocado polo Concello para atender a Oficina de Turismo e os Museos Municipais existentes (San Roque, Batitales e Porta Miñá). Segundo detallou esta mañá logo da Xunta de Goberno Local o tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, o prezo de concurso é de 161.000 euros e o prazo máximo de vixencia dun ano, aínda que podería verse modificado antes pola entrada en funcionamento de novas instalacións, como o MIHL, a construción dun Museo de Arte Contemporáneo ou a próxima reforma do edificio do Cárcere Vello.

A posta en funcionamento de todas estas instalacións obrigarán no futuro a facer unha “reorganización” na rede de museos dependente do Concello, segundo avanzou Antón Bao, que se mostrou ademais partidario de “coordenar” os contidos e as temáticas dos distintos museos existentes na cidade, os dependentes do Concello e os pertencentes a outras administracións, como o Museo Provincial dependente da Deputación, ou o futuro Museo da Romanización dependente da Xunta.

Bao dixo ademais que o Museo de Porta Miñá “necesita unha renovación en canto aos seus contidos e a forma de presentalos, unha modernización”. Tamén explicou que se está a traballar xa nun proxecto de creación dun Museo de Arte Contemporáneo en Lugo, que podería ubicarse no MIHL, e que acollería tanto salas de exposición permanentes onde expoñer a obra de coñecidos artistas lucenses como Mónica Alonso, Lomarti, Murado ou outros, como coleccións temporais de escultura, pintura ou videocreación.

O responsable de Cultura do Concello anunciou que especialistas en Arte Contemporánea e Museoloxía do Museo Provincial prestarán asesoramento técnico para a creación deste Museo de Arte Contemporáneo de Lugo, en virtude dun convenio de colaboración que se asinará proximamente entre o Concello e a Deputación Provincial. Para a ubicación deste museo Bao descartou a construción dun novo edificio, senón que dixo que se estudará reconvertir para este fin algún dos edificios destinados a museo xa existentes. O tenente alcalde tamén anunciou un plan para “dinamizar” os museos municipais e achegar tanto aos lugueses como aos visitantes a esta rede de museos dependente do Concello.

Luis Álvarez explicou que o Goberno Local acordou actualizar os prezos do contrato asinado coa empresa Atendo Calidade S.L., encargada do servizo público de atención no fogar para o período comprendido entre o 17 de setembro de 2011 e o 16 de marzo de 2012. A revisión de prezos faise segundo o IPC interanual do período agosto 10-setembro 2011 polo que o índice a aplicar será do 2,55%. O Concelleiro de Urbanismo explicou que “esta revisión de prezos apróbase ata o momento no que a nova adxudicataria deste servizo se faga cargo do mesmo.”

A Xunta de Goberno tamén acordou actualizar os prezos do contrato asinado coa empresa encargada do servizo de atención ao público, coordinación e desenvolvemento de actividades socioeducativas nos centros municipais da Casa das Linguas, tanto na da estrada da Granxa como na da Piringalla. A revisión de prezos para o período comprendido entre o 30 de xullo de 2011 e o 29 de xullo de 2012 faise segundo o IPC interanual que será do 2,72%.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova