Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo mantivo o número de turistas durante os meses de verán pese á crise económica


# Luns, 17/10/2011
Nos meses de xullo, agosto e setembro a Oficina de Turismo recibiu a visita de 17.326 persoas, o que supón unha media de case 200 persoas ao día

7.800 persoas pasaron polo stand promocional de Lugo colocado durante o San Froilán no fondo da Praza Maior

Bao anuncia un Plan Turístico para atraer visitantes a Lugo durante as pontes de novembro e decembro vinculadas a historia e ás tradicións de Lugo


A cidade de Lugo mantivo o número de visitantes durante os meses de xullo, agosto e setembro, segundo deu a coñecer esta mañá o tenente alcalde e responsable de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, durante o acto de entrega de premios aos bares e restaurantes gañadores do Concurso de Tapas. “Este verán Lugo aguantou o tipo no que se refire ao turismo, que non é pouco co que está caendo”, afirmou o tenente alcalde.

Bao explicou que nos meses de xullo, agosto e setembro deste ano a Oficina de Turismo recibiu un total de 17.326 visitantes (4.738 en xullo, 8.766 en agosto e 3.822 en setembro), o que supón unha media de case 200 persoas diarias e 19 turistas máis que o total rexistrado no verán de 2010. No que vai de ano (do 1 de xaneiro ao 15 de outubro) pasaron por Lugo 32.659 turistas.

Nesta primeira quincena de outubro, coincidindo co San Froilán, dirixíronse á Oficina Municipal de Turismo, ubicada na Praza do Campo, 1.576 persoas para demandar información sobre a cidade, aos que hai que sumar as 7.800 persoas que pasaron polo stand promocional de Lugo colocado durante as festas no fondo da Praza Maior, segundo os datos facilitados hoxe por Antón Bao.

Pese ao comportamento positivo dos meses do verán e dese mes de outubro, no total do ano produciuse un leve descenso no número de turistas que viñeron a Lugo (unha caída do 1,2%), que estaría motivada por factores como a crise económica, que reduce o poder adquisitivo das familias e frea os desprazamentos vacacionais. Tamén influiría nesta redución de visitantes o feito de que o pasado ano coincidira cun ano Xacobeo, o que incrementou o número de peregrinos que fan a rota polo Camiño Primitivo, que este ano se viu reducido, así como o número de persoas que se dirixen a Santiago de Compostela e fan unha parada en Lugo.

Actividades vinculadas co Samaín para atraer turistas na ponte de novembro

O ano 2010 pechouse cun total de 37.135 visitantes, unha cifra á que a área de Turismo, que dirixe o nacionalista Antón Bao, espera achegarse este ano. Para iso, o tenente alcalde anunciou hoxe que se porán en marcha campañas específicas para atraer turistas a Lugo nas pontes de novembro e decembro. Esta campaña irá destinada a un turismo de proximidade e estará centrada na historia e tradicións de Lugo.

Neste sentido, Bao xa avanzou que a campaña para a ponte de novembro estará centrada no Samaín, a recuperación da antiga celebración celta do outono. “Lugo ten unha historia e unhas tradicións que ten que aproveitar como reclamo turístico”, defendeu o tenente alcalde.

Obxectivos: atraer o turismo de proximidade e aumentar a estancia

Con este tipo de iniciativas a área de Turismo que dirixe o nacionalista Antón Bao persegue atraer cara a cidade de Lugo a turistas que se atopan en lugares próximos nas pontes ou nas fins de semana para desestacionalizar o turismo e que haxa visitantes durante todo o ano e non só nos meses de verán.

Para atraer ese turismo de proximidade, este verán tamén se puxo en marcha unha campaña de promoción e de captación de visitantes no resto de cidades galegas e na Mariña co obxectivo de atraer cara a Lugo a persoas que puideran estar pasando as súas vacacións na Mariña luguesa, en Santiago, na Coruña ou nas Rías Baixas e que aproveitaron algún día para achegarse a visitar Lugo. A campaña levou por lema Ven dar unha volta a Lugo e destacou os atractivos que ten a cidade de Lugo dende o punto de vista patrimonial, coa Muralla como Ben Mundial; natural e paisaxístico, co río Miño declarado Reserva da Biosfera; e tamén gastronómico.

Ao mesmo tempo, a área de Turismo pretende aumentar a estancia dos turistas que veñen a Lugo. Para iso, este verán púxose en marcha a tarxeta turística LugoCard, que ofrece distintos servizos e descontos para estancias de 1, 2 e 3 días na cidade de Lugo.

Procedencia: duplicouse o número de turistas europeos

Un feito salientable dos datos de turistas deste verán é o aumento de visitantes procedentes doutros países da Unión Europea. O 12% dos turistas que viñeron a Lugo procedían dalgún país da UE, fronte ao 6,4% do pasado ano. Francia, Alemania e Reino Unido son os países dos que proceden a maioría dos turistas europeos que visitan a cidade de Lugo.

Con todo, e pese ao aumento de turistas estranxeiros, o número de turistas que proceden doutros lugares do Estado español segue a ser maioritario. Concretamente, o 72% dos visitantes contabilizados na Oficina Municipal de Turismo proceden dalgún lugar do Estado español. Madrid, Castela-León, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, País Vasco, Andalucía e Cantabria son, por este orde, as comunidades que máis turistas envían a Lugo.

Finalmente, o 6% dos turistas que veñen a Lugo proceden dalgunha das 4 provincias galegas.



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova