Cargando....
Concello de Lugo
24/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Comezan as obras de renovación da praza do Cantiño que suporán a apertura dun novo treito do paseo interior da Muralla


# Xoves, 20/10/2011
O proxecto, financiado polo Plan Urban, ten un presuposto de máis de 138.000 euros e estará acabado en xaneiro

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde destacou que grazas ó Plan Urban tamén se están a instalar xogos infantiis e un parque biosaudable no paseo interior da Muralla

Tamén se deron subvencións de máis de 9.000 euros para mellorar fachadas de negocios que dan ó adarve




O Alcalde, José López Orozco, acompañado pola Vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, e as concelleiras de Economía, Sonia Méndez, e Infraestruturas, Paz Abraira, revisaron hoxe o comezo das obras de renovación da praza do Cantiño. Este proxecto, incluído no Plan Urban, que financian a Unión Europea, o Concello e a Deputación, ten un presuposto de algo máis de 138.000 euros e o prazo de execución é de tres meses. As obras consisten na renovación da praza e tamén na creación dun acceso desde o Cantiño ó paseo interior da Muralla, que se fará a través dun pasadizo no baixo dunha vivenda que foi adquirido con fondos do Plan Urban.

O Alcalde destacou a importancia deste novo proxecto para poñer en valor unha zona lindeira coa Muralla. “Quero mostrar a miña alegría e agradecer todo o traballo do Plan Urban que nos axuda a ter este paseo interior e tamén a arranxar esta praza tan fermosa e que ofrece moitas posibilidades na recuperación de espazos urbanos para os nosos veciños”, manifestou López Orozco.

Tamén explicou o Alcalde que “para facer as obras na praza perxudicando o menos posible ós establecementos de hostalería situados nela decidiuse agardar a que pasaran as festas do San Froilán, de xeito que os hostaleiros puideran seguir explotando as terrazas instaladas no Cantiño”.

O proxecto consiste nunha actuación que deixará moi diáfana esta pequena praza situada ó pé da Muralla. Está previsto unificar o pavimento de granito a un nivel, para facelo accesible, e a instalación de mobiliario respectuoso co contorno. Nun lateral poñeranse árbores con bancos, ó pé da escaleira de acceso á Muralla instalarase unha zona a modo de grada que pode ter uso como escenario e a iluminación poñerase no chan para darlle protagonismo á Muralla.

Máis investimentos no contorno da Muralla

O proxecto do Cantiño complétase con outras actuacións que tamén financia o Plan Urban, consistentes no acondicionamento dunha zona de xogos infantiis e parque biosaudable. Esta actuación ten un presuposto de 66.221 euros e está previsto que estea acabada en novembro.

Con cargo ó Plan Urban lévanse a cabo, ademais, outras iniciativas na zona. Trátase da mellora de fachadas de negocios que dan ó adarve da Muralla para as que se aprobaron subvencións por importe de máis de 9.000 euros, 5.237 euros foron concedidas ó restaurante Paprika para a mellora da fachada e a instalación dun rótulo e outros 3.854 euros foi a achega concedida á tenda de comercio xusto Cova da Terra para a mellora da súa fachada.

www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova