Imprimir

A SEMANA QUE VÉN REMATARÁN AS OBRAS NA RONDA DE FINGOI E COMEZARÁN NA AVENIDA DA CORUÑA, QUE OBRIGARÁN A CORTAR O TRÁFICO


21/10/2011 As obras consistirán na renovación do firme dende Perpetuo Socorro ata Garabolos cun investimento de 221.000 euros e estarán rematadas antes de final de ano

A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, quere que os veciños e os condutores teñan información información puntual das distintas obras en marcha para minimizar as molestias e buscar itinerarios alternativos para os desprazamentos

Os traballos de repavimentación na Ronda de Fingoi avanzan a bo ritmo e poderán estar rematados no prazo dunha semana, segundo explicou hoxe a concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, que esta mañá visitou as obras. Paz Abraira explicou que unha vez que rematen as obras na Ronda de Fingoi comezarán as que están previstas na Avenida da Coruña, no marco dunha serie de actuacións que está levando a cabo o Concello para renovar o pavimento daquelas avenidas deterioradas polo desgaste e a antigüidade.

O investimento total para estes traballos é de 500.000, que son aportados mediante un convenio coa Deputación Provincial, e estase a actuar en tres dos principais viais da cidade (Avenida da Coruña, Ronda de Fingoi e Avenida Paulo Fabio Máximo).

A concelleira de Infraestruturas explicou que as obras na Avenida da Coruña suporán unha maior complicación posto que este é un dos principais viais de comunicación da cidade e soporta diariamente unha importante intensidade de tráfico, e obrigarán a realizar cortes de circulación, aínda que se garantirá o tránsito do transporte público.

Actuarase sobre a zona máis deteriorada a nivel de pavimento da calzada, que se sitúa dende a intersección con Perpetuo Socorro ata a intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo. A obra vai consistir na mellora da seguridade dos usuarios mediante a renovación superficial do firme. Reporase a capa de rodadura nos tramos afectados mediante mezcla bituminosa en quente cun espesor medio de 7 cm.

O prazo de execución desta obra é de tres meses e a Concellería de Infraestruturas espera tela rematada no mes de xaneiro se as inclemencias meteorolóxicas permiten traballar con normalidade. O orzamento é de 221.066,20 €, que serán aportados pola Deputación Provincial.

As obras xa remataron na Avenida Paulo Fabio Máximo

Paz Abraira informou tamén de que as obras de renovación do firme na Avenida Paulo Fabio Máximo no tramo máis próximo á Avenida Duquesa de Lugo xa están rematadas. Neste caso as obras consistiron na renovación completa no firme dos catro carrís da avenida no tramo máis próximo á Avenida Duquesa de Lugo. O resto da vía xa foi renovada aproveitando as obras de urbanización acometidas nas parcelas próximas destinadas á construción de vivendas públicas. O tramo no que se actuou agora comprende uns 200 metros. O orzamento total é de 44.000 euros.

No caso da Ronda de Fingoi, cuxas obras rematarán previsiblemente as vindeira semana, os traballos consistiron tamén no fresado e renovación do firme nos dous carrís da marxe dereita en sentido descendente, dende o cruce con Pintor Corredoira ata a Rúa Armórica. O orzamento desta obra é de 235.000 euros. No outro sentido de circulación o pavimento foi renovado recentemente.