Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello retomará a Ordenanza de Civismo e intensificará as charlas para previr o consumo de drogas e alcol


# Venres, 21/10/2011
Alcalde e Subdelegado do Goberno presidiron unha reunión da Xunta Local de Seguridade que tratou sobre o problema do botellón

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
López Orozco aplaudiu a iniciativa do Valedor do Pobo que está a facer un seguimento do consumo e venda de alcol a menores de idade e ofrécelle toda a colaboración do Concello de Lugo


O Alcalde, José López Orozco, e o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, presidiron a reunión que celebrou hoxe a Xunta Local de Seguridade no Concello para tratar sobre o problema que supón o consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade. Na xuntanza participaron as concelleiras de Xuventude, Carmen Basadre, e de Educación, Esther Muñoz, así como representantes da Garda Civil e das Policías Local, Autonómica e Nacional.

López Orozco e Vázquez Portomeñe deron conta dos acordos tomados na xuntanza consistentes na decisión do Concello de retomar a Ordenanza de Civismo, a intensificación das charlas informativos en colexios e institutos para previr o consumo de drogas e de alcol e tamén a intensificación dos controis que se levan a cabo en lugares tanto públicos como privados nos que se consume alcol. Neste punto, o Alcalde sinalou que, segundo se informou na xuntanza, a Policía Autonómica leva feitas 83 denuncias a menores por consumo de alcol e a tres establecementos por venderlles alcol a menores de idade.

Tamén explicou o Alcalde que o encontro da Xunta Local de Seguridade produciuse logo de que o Valedor do Pobo, Benigno López, se interesara polas medidas que adoptan os concellos galegos en relación coa venda e consumo de bebidas alcohólicas a menores de idade. López Orozco aplaudiu a iniciativa tomada polo Valedor do Pobo para facerlle fronte a este fenómeno tan daniño e asegurou que Benigno López “vai atopar no Concello de Lugo un colaborador extraordinario ante este problema social no que temos que colaborar todos, en especial os pais e nais”. O Alcalde animou ó Valedor a seguir polo vieiro comezado e anunciou que se lle remitirá a acta da xuntanza que celebrou a Xunta Local de Seguridade.

Pola súa parte, o Subdelegado do Goberno gabou a colaboración entre as administracións e os distintos corpos e forzas de seguridade e tamén manifestou que “imos participar de maneira entusiasta na Ordenanza Cívica e tamén intensificaremos a nosa participación en cursos de sensibilización nos colexios para previr o consumo de droga e a violencia de xénero e para advertir dos perigos da Internet”.

San Froilán

Tanto o Alcalde como o Subdelegado do Goberno aproveitaron a reunión da Xunta Local de Seguridade para felicitar a todos os corpos de seguridade polo seu traballo e adicación durante as festas do San Froilán.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova