Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

López Orozco presenta unha aplicación web con información inédita na que constan os represaliados lucenses entre 1936 e 1940


# Luns, 24/10/2011
A base de datos conta con 8.306 represaliados dos que 246 eran naturais de parroquias do Concello de Lugo

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A historiadora Souto Blanco salientou que pon “en coñecemento estes datos porque é a miña obriga como cidadá e investigadora”

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga e a doutora e investigadora en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, María Jesús Souto Blanco, presentaron unha base de datos dos represaliados na provincia de Lugo e que está dispoñible na páxina web do Concello de Lugo. Nesta investigación que conta cun rexistro de 8.306 represaliados, dos que 246 deles son naturais de diferentes parroquias do Concello de Lugo, pódense obter datos inéditos ata o momento noutras investigacións da mesma temática.

López Orozco, destacou “a xenerosidade da profesora Souto Blanco por ofrecerlle ao Concello de Lugo e a todos os veciños e veciñas a posibilidade de coñecer os nomes das persoas que sufriron a represión franquista co único interese de que se coñezan os seus nomes e que non sexan esquecidos”. O Alcalde de Lugo salientou a posibilidade de modificar esta listaxe con novos datos que poidan aportar persoas que coñeceran a realidade deses represaliados ou incluso aumentala con novos nomes dos que non constan nos rexistros.

Pola súa parte, a investigadora Souto Blanco explicou que “creo que ofrecer a sociedade toda a información que posúo neste ámbito é a miña obriga como cidadá e como historiadora. A publicación non está dosificada porque creo que a descrición, non así a análise, da represión franquista fai tempo que debería estar completada máis alá de rivalidade políticas ou de intereses académicos e persoais”.

Este traballo de investigación que comezou a elaborar a profesora e investigadora Souto Blanco en 1987, aporta datos inéditos sobre as persoas que puideron ser represaliadas na provincia lucense aínda que non aparecen os lucenses que sufriron represión noutros lugares. As principais fontes de datos foron os diferentes arquivos entre os que destacan os militares, carcelarios ou sanitarios.

Para poder coñecer máis datos sobre o traballo de investigación pódese facer en http://www.lugo.es/cs/represion/index.jsp

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova