Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Infraestruturas eliminará o tapón urbanístico da rúa Dona Urraca, unha demanda veciñal histórica


# Martes, 25/10/2011
Paz Abraira presentou esta mañá o proxecto aos veciños da zona diante do inmoble número 102, que será derrubado para mellorar as comunicacións entre os barrios de Lamas de Prado e A Piringalla

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O paso no que se vai actuar é empregado diariamente por cativos que se dirixen aos colexios da zona e por numerosos vehículos, o que constituía un grave problema de seguridade vial

As comunicacións entre os barrios de Lamas de Prado e A Piringalla veranse notablemente melloradas nos vindeiros meses coa eliminación dun importante tapón urbanístico existente na rúa Dona Urraca. A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, anunciou esta mañá que as obras comezarán de inmediato.

Paz Abraira presentou o proxecto esta mañá aos veciños da zona diante do inmoble número 102, que será derrubado para mellorar o paso nunha zona que ata agora era moi estreita. O ensanchamento da rúa facilitará a conexión das rúas Dona Urraca e Camiño Verde con Mar Cantábrico e servirá para mellorar as comunicacións entre os barrios de Lamas de Prado e A Piringalla, no norte da cidade.

“Trátase dunha demanda histórica dos veciños desta zona de Lugo, que levan décadas pedindo que se solucione este problema”, explicou esta mañá a concellería do BNG, que indicou que “o paso no que se vai actuar é empregado diariamente por cativos que se dirixen aos colexios da zona, por persoas maiores que van ao centro social da Praza do Castiñeiro e por numerosos vehículos que o utilizan como atallo para dirixirse á zona norte da cidade”.

A responsable de Infraestruturas indicou que “este cruzamento, empregado tanto por vehículos como por peóns, sempre foi moi estreito e con nula visibilidade e constituía un gravísimo perigo para a seguranza vial”. A actuación que se vai acometer consiste no derrubamento do inmoble que supón o entullo, que está deshabitado en en situación de ruína eminente, e o ancheado e asfaltado da rúa, que gañará varios metros de ancho. As obras comezarán de inmediato e suporán unha mellora evidente na seguridade vial.

Cesión de 51 m2 de vivenda e dun terreo anexo de 13 m2

Paz Abraira explicou longas e dificultosas xestións coa familia propietaria do inmoble, en mans de moitos herdeiros, o Concello conseguiu facerse coa titularidade da casa, a número 102 da rúa Dona Urraca, que xa é propiedade plena do Concello, así como dunha parcela anexa. Tanto a vivenda como a súa finca están calificados no Plan Xeral como viario, pero forman parte dun polígono de actuación que non se desenvolveu.

A concelleira de Infraestruturas agradeceu esta cesión ao Concello, efectuada de xeito gratuíto e voluntario por parte dos propietarios, o que permitirá acometer esta mellora na cidade de maneira inmediata, sen agardar que se desenvolva a unidade de actuación. Os donos non perden os dereitos edificatorios, que os farán efectivos no momento de desenvolverse a unidade de actuación.

A superficie total na que se vai actuar é de 64 metros cadrados (51 metros cadrados do inmoble e 13 metros cadrados da finca anexa). O Concello xa ten os cartos para a demolición e desescombro da casa, que terá uns custos duns 8.500 euros, e procederá a continuación á repavimentación da rúa e á delimitación dunha zona para o paso dos peóns.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova