Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Padroado do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo aproba a súa fusión co Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia


# Martes, 25/10/2011
O Alcalde presidiu a xuntanza na que se tomou este acordo que tivo lugar hoxe no Concello de Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidiu hoxe a xuntanza do Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo-Cetal, que aprobou a fusión desta entidade coa Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia. O acordo tomouse nunha reunión que tivo lugar no Concello, na que participaron o Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez; o Director do CETAL, Eduardo Vidal; e os reitores das Universidades de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, e da Coruña, José María Barja Pérez, entre outras autoridades.

Para o Alcalde, esta decisión “na que levamos tempo traballando, fai que hoxe sexa un día importante para o sector, os produtores e o futuro da industria agroalimentaria galega”. López Orozco tamén fixo fincapé en que “nestas épocas de dificultades, cando as administracións se unen, é posible facer as cousas” polo que considerou que “se trata dun exemplo do traballo en común a prol dun sector tan importante para a nosa cidade e a nosa provincia”.

O Alcalde salientou tamén a importancia de que a Fundación produto desta fusión siga a ter a súa sede en Lugo posto que “reforza a vocación da nosa cidade de ser a capital agrogandeira de Galicia”. “Somos unha cidade urbana, que non esquece a importancia do rural na nosa vida e na nosa economía”, destacou o Alcalde, quen lembrou que “levamos tempo traballando nesta liña e hoxe demóstrase que é importante o esforzo que se fixo”.

Pola súa parte, o Conselleiro asegurou que a fusión “vaille dar ó CETAL máis capacidade de resposta ás necesidades do sector agroalimentario galego e facilitará que dea un mellor servizo á industria agroalimentaria española e galega e tamén ó sector lácteo”. Ademais amosou a súa confianza “en que este centro agora reforzado e con máis capacidades, poida dar resposta ás necesidades da industria” e expresou a súa “satisfacción porque se sitúe en Lugo, que é a provincia máis agraria e máis gandeira”.

O Alcalde e o Conselleiro fixeron estas declaracións logo da xuntanza na que o Padroado do CETAL lle deu o visto e prace á fusión por absorción da Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo pola Fundación CETAL, con extinción da personalidade xurídica da primeira.

Tamén se acordou que o novo Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo-CETAL, trala fusión coa Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia será presidido pola Ministra de Medio Rural, o resto de membros serán o Alcalde de Lugo, o Conselleiro de Medio Rural, o Reitor da USC, un representante do Consello Galego de Universidades, outro das Industrias Agroalimentarias, outro das Industrias Lácteas e un máis de produtores e cooperativas agrarias.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova