Imprimir

HOXE PRESENTOUSE A VI FEIRA DE OUTONO EN COESES QUE SE CELEBRA O 30 DE OUTUBRO


26/10/2011 O Concello de Lugo contará cun espazo no que se informará sobre o proxecto Parnet-Tic de alfabetización informática

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, e a Presidenta da Asociación Cultural “Os Castros” de Coeses, Mary Paz De la Fuente, presentaron a VI Feira de Outono que se celebra o domingo 30 de outubro na parroquia de Coeses.

Os visitantes poderán achegarse ao Campo da Festa de Sta. María Magdalena de Coeses, a partir das 9:30 da mañá, onde haberá venda e exposición de todo tipo de mercadorías, desde produtos da terra a artesanía en madeira ou ferro, ademais de que se celebrará un sorteo dunha cesta anticrisis. Nesta edición da Feira de Outono haberá máis de 30 postos de diversos produtos e servizos co obxectivo de dar a coñecer os produtos lucenses e promocionar o seu consumo e “potenciar a economía lucense e especialmente para dinamizar a zona rural” segundo explicou Francisco Fraga.

O Concelleiro de Servizos Xerais informou de que “o Concello de Lugo estará presente nesta feira con un stand informativo do Proxecto europeo PARNET-tic, coa finalidade de que a cidadanía coñeza este proxecto e as actividades que se están a realizar nos telecentros rurais”. Ademais neste stand darase información sobre o uso da Administración Electrónica, para que as persoas que visiten a feira coñezan as vantaxes de realizar trámites online coa administración local. Tamén se proxectará un vídeo sobre iniciativas como a Tarxeta Cidadá ou sobre a Sede Electrónica.

Esta feira está organizada pola Asociación Cultural, Xuvenil e Veciñal "O Castro" de Coeses, que conta coa colaboración do Concello de Lugo, de Moega (Sociedade Cooperativa Galega), e de AgrupaLugo (Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo).