Cargando....
Concello de Lugo
16/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Quince desempregados aprenderán o oficio de canteiro e rehabilitarán cruceiros, lavadoiros e fontes grazas a un curso que van organizar o Concello, a Deputación e a Fundación Laboral da Constru


# Mércores, 26/10/2011


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Tenente de Alcalde, Antón Bao, explicou que o Concello destina 327.000 euros a subvencións culturais e lembrou ás asociacións que o prazo para xustificar as axudas para lume novo e festas populares remata o vindeiro 30 de novembro

Quince desempregados terán a oportunidade de aprender o oficio de canteiro nunha acción formativa que van desenvolver o Concello de Lugo, a Deputación provincial e a Fundación Laboral da Construción. Segundo explicou o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, a decisión impartir este curso tomouse tendo en conta a escaseza de man de obra cualificada, a inexistencia dunha formación profesional específica para o sector da pedra natural e da cantería e os altos índices de paro no sector da construción

A Xunta de Goberno Local acordou hoxe poñer en marcha esta iniciativa que é froito dun convenio entre as tres entidades, que será financiado con 150.000 euros pola Deputación. O Concello de Lugo colabora coa xestión administrativa do convenio e fará a selección dos beneficiarios/as do proxecto. O ESPAZO>LAB está a elaborar as bases da convocatoria que estará aberta do 15 de novembro ata o 1 de decembro. Pola súa parte, a Fundación Laboral da Construción, facilita as súas instalacións e a súa experiencia na formación de profesionais en todas as especialidades do sector da construción.

A acción formativa desenvolverase dende decembro deste ano ata xuño de 2012 e terá unha duración de 640 horas nas que se inclúen prácticas que consistirán na rehabilitación de pequenas edificacións e espazos públicos existentes no Concello como lavadoiros, cruceiros, balados e fontes. Os alumnos participantes no curso recibirán unha axuda media por importe aproximado de 275 euros mensuais.

Na súa reunión de hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén acordou abrir o procedemento de adxudicación dos servizos de cociña para a escola infantil municipal “Gregorio Sanz”, cun prezo máximo de 48.948,06 euros, e de mantemento das aplicacións do sistema integral de xestión municipal, por un importe máximo de 53.452,64 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno Local decidiu poñer en marcha un expediente para a resolución do contrato coa empresa Complementos Policiais S.L. para a subministración de pezas de uniforme e complementarios para a Policía Local. A decisión de resolver o contrato débese ó incumprimento da empresa contratista que non subministrou o material pactado axustándose ás condicións técnicas establecidas en cumprimento da Orde da Xunta que unificou os uniformes das Policías Locais de Galicia. A empresa, que se fixo co contrato porque foi a que ofreceu o prezo máis económico das catro que presentaron ofertas, disporá dun prazo de dez días para presentar alegacións. A normativa da Xunta dá de prazo ata verán de 2012 para que todos os axentes locais de Galicia teñan unificados os seus uniformes.

En tramitación as subvencións para actividades culturais

O Tenente de Alcalde, Antón Bao, explicou, pola súa banda, que se están tramitando neste momento as axudas concedidas para a realización do lume novo e de festas populares e lembroulles ás distintas asociacións que as solicitaron que o prazo para as xustificaren remata o 30 de novembro. O responsable de Cultura indicou que o montante destas axudas é de 42.000 euros para as festas que se fan en distintos barrios e parroquias de Lugo e 8.500 para as fogueiras de San Xoán.

O responsable de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua indicou ademais que o montante total que o Concello de Lugo destina a colaboración coas distintas asociacións para a realización de actividades culturais ascende a 327.000 euros, unha “cantidade importante”, dixo, que axuda a “dinamizar o tecido asociativo de Lugo”.

Antón Bao anunciou que tentará que esta colaboración se manteña de cara ao vindeiro ano a pesares dos recortes orzamentarios e, neste sentido, criticou a actitude da Xunta de Galiza, que vén de suprimir as axudas ás asociacións para actividades culturais. “Este recorte que vén de facer a Xunta tamén é un recorte de carácter social, porque a cultura debe ser considerada tamén un pear do benestar das persoas”, argumentou o tenente alcalde.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova