Cargando....
Concello de Lugo
21/04/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo pón en marcha unha campaña para incrementar o uso do galego nos cemiterio


# Xoves, 27/10/2011
O tenente alcalde, Antón Bao, afirma que “se unha persoa falou en galego toda a súa vida, o lóxico é que sexa enterrada en galego”

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
As florarías de Lugo repartirán estes días nos ramos e flores que preparen para o día de defuntos 4.000 tarxetas que chaman a atención sobre a pervivencia do galego a través dun poema de Lois Pereiro: “somentes intentaba conseguir deixar na terra algo de min que me sobrevivise” 
 
Un dos retos máis difíciles aos que se enfronta a lingua galega é a superación das limitacións dos campos de uso, restrinxidos ás veces ao doméstico, ao escolar ou ao administrativo. Por este motivo, a área de Promoción da Lingua do Concello de Lugo quere difundir o emprego do galego en todos os ámbitos da vida e, coincidindo co Día dos Defuntos, deseñou unha iniciativa que promociona o uso da lingua galega nos cemiterios e nos actos de lembranza e homenaxe das persoas falecidas.

Baixo o título Galeguiza a túa vida, a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que dirixe o tenente alcalde nacionalista, Antón Bao, fai un chamamento á sociedade a prol da pervivencia do idioma galego a través dunha chamativa campaña: as florarías da capital repartirán estes días 4.000 tarxetas conmemorativas con versos de Lois Pereiro, o poeta monfortino homenaxeado co Día das Letras Galegas 2011:

     Somentes
     intentaba conseguir
     deixar na terra
     algo de min que me sobrevivise

As tarxetas, que queren chamar á atención sobre a necesidade da pervivencia do galego, contan ademais cunhas verbas de lembranza para a persoa defunta á que se lle levan as flores: “En galego, con todo o meu agarimo”. Segundo explicou o tenente alcalde, estas tarxetas entregaranse gratuitamente nas florarías lucenses a todos os clientes que merquen flores ou prantas estes días.

O tenente alcalde e responsable da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua chamou á atención durante a rolda de prensa de presentación desta iniciativa sobre “a contradición que supón que unha persoa que durante toda a súa vida falou en galego no momento da súa morte sexa enterrada en castelán”. Bao dixo que “un dos actos máis emotivos na vida dunha persoa é a despedida dos seres queridos e aí debe estar tamén o galego, tanto nas esquelas, como nas lápidas, mesmo nos enterros”, dixo.

‘Galeguiza a túa vida’
O tenente alcalde tamén aproveitou a presentación esta mañá desta iniciativa para avanzar cales van ser os obxectivos do Goberno de Lugo en materia de Promoción da Lingua. Antón Bao lembrou que no Acordo de Goberno a normalización lingüística ten un carácter transversal que afecta a todas as Concellarías co obxectivo común de “impulsar o uso do galego desde todas as áreas de Goberno.

Antón Bao anunciou que o obxectivo que se marca para estes catro anos dende a área de Promoción da Lingua é “incrementar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os sectores da sociedade”, para o que se porán en marcha distintas iniciativas de difusión do galego en todos os ámbitos da vida. O tenente alcalde rexeitou o termo “imposición” usado por sectores reaccionarios contra o galego e dixo que baixo o lema Galeguiza a túa vida a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua porá en marcha distintas iniciativas “en positivo” que buscan achegar á sociedade ao galego.

Regulamento Municipal
O tenente alcalde tamén avanzou outras liñas de traballo en materia de normalización lingüística. Entre elas está a aprobación dun Regulamento Municipal de Uso do Galego que sexa a base da política lingüística do Concello. Bao indicou que o resto de cidades galegas xa contan con regulamentos deste tipo e que no caso do Concello de Lugo foi elaborado fai máis de 10 anos pero non entrou en vigor. “Foi elaborado aló polo ano 2000 pero quedou varado na indefinición”, explicou o tenente alcalde, que anunciou a súa actualización e próxima entrada en vigor.
 
Antón Bao tamén indicou que se traballará para que o galego sexa o idioma de referencia xa non só a nivel interno do Concello, senón tamén en todos aqueles servizos que presta a administración local aos cidadáns, tanto nos casos nos que o fai directamente como nos que se prestan a través de empresas contratadas. Admitiu que non sempre estas empresas se dirixen aos cidadáns ou aos usuarios aos que prestan estes servizos municipais en galego, tal como obriga a Lei de Normalización Lingüística, polo que avanzou que nos pregos de condicións que a partir de agora efectúe o Concello para servizos deste tipo estipularase unha cláusula que fixe o galego como idioma de prestación do servizo. Neste caso estarían servizos como os recibos da O.R.A., paneis informativos do bus urbano, sinalización de obras, etc.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova