Cargando....
Concello de Lugo
22/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta de Goberno Local aproba a modificación das Ordenanzas Fiscais para 2012


# Venres, 28/10/2011
Antón Bao e Sonia Méndez destacan que o Concello non deixará de prestar servizos ás persoas como fai a Xunta

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Bao di que o Concello terá que facer un sobreesforzo para cubrir os servizos sociais que a Xunta desatende e Méndez lembra que grazas ós remanentes do Concello pódense atender imprevistos como o recorte do 73% na Axuda no Fogar

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe nunha reunión extraordinaria a modificación das Ordenanzas Fiscais para 2012, segundo informaron os Tenentes de Alcalde Antón Bao e Sonia Méndez.

A Concelleira de Economía lembrou que o Concello mantivo conxelados os impostos e taxas “todo o tempo que foi posible garantindo a prestación dos servizos por parte do Concello e mantendo o equilibrio orzamentario da institución, xa que as boas previsións feitas permitiron que tivéramos superávit”. Como xa informou onte a Concelleira de Economía, con carácter xeral os impostos actualízanse dacordo co IPC do último ano, que foi do 3%, o que supón para unha familia media un desembolso anual de dez anos, que equivalen a 83 céntimos ó mes.

Méndez explicou que “o Concello decide actualizar a maioría dos impostos tendo en conta o IPC, porque somos precavidos e non queremos comprometer exercicios futuros”.“Queremos que o Concello siga a ter remanentes, porque se trata de facerlle fronte a imprevistos, como o recorte dun 73% da Axuda no Fogar por parte da Xunta”, segundo explicou a Concelleira de Economía e asegurou que “o PP debera felicitarnos pola nosa xestión económica, xa que Feijóo considera un éxito que a Xunta acabara o ano cun déficit de máis dun 2% e o Concello de Lugo conseguiu acabar o exercicio cun superávit de máis do 1%”.

A Concelleira de Economía tamén anunciou que se vai facer unha campaña para divulgar as distintas bonificacións fiscais que ofrece o Concello. Así o ICIO ten bonificacións do 50% para empresas que se instalen nas Gándaras e para obras de accesibilidade e de instalación de placas solares. Tamén hai bonificacións do 95% en obras que se fagan no Centro histórico e nas Áreas de Rehabilitación Integral; nas fachadas, cubertas e pintura exterior de edificios; para obras de instalación de calefacción e de ascensores en edificios antigos, así como para a realización de escavacións arqueolóxicas. No caso do imposto de vehículos, a bonificación é do 100% nos que usan persoas con discapacidades, nos tractores e maquinaria agrícola e nos vehículos clásicos. Tamén hai bonificacións no IBI para familias numerosas, nas vivendas de protección oficial e nos bens de cooperativas agrarias e da Universidade de Santiago de Compostela. No caso do IAE, desde hai dous anos gozan de bonificacións dun 25% as empresas que aumenten os postos de traballo e desde este ano hai unha redución do 50% na tarifa por apertura de negocios que poden abrir só facendo unha comunicación previa.

Outras novidades que anunciou hoxe a Concelleira de Economía nas Ordenanzas Fiscais para 2012 son a derrogación das taxas polo servizo de matadoiro e de telefonía móbil. No primeiro caso porque o matadoiro deixou de funcionar e, no segundo porque esa taxa proposta pola FEMP está pendente de sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo.
CEI
A Concellería de Economía, Sonia Méndez, considerou “coherente coa súa ideoloxía o anuncio do PP de que se vai opoñer, xa que é unha cuestión ideolóxica, eles prefiren deixar de prestar servizos e facer recortes e facer subas ás agachadas como fai Feijóo co canon da auga”.

“A Xunta abandona aos Concellos e aos cidadáns”

O Tenente de Alcalde, o nacionalista Antón Bao, defendeu a necesidade da actualización de taxas municipais para o ano vindeiro, que subirán un 3% en consonancia co IPC, co obxectivo de incrementar a recadación municipal para seguir mantendo os servizos que presta actualmente o Concello. Bao indicou que para o Goberno municipal formado polo BNG e o PSOE “o prioritario é manter os servizos sociais nos niveis de calidade actuais para evitar que os efectos da crise castiguen ás persoas con menos recursos”.

“Hai unha clara diferencia co Partido Popular en canto á concepción que temos neste sentido, porque o PP prefire eliminar servizos sociais e aplicar recortes en servizos públicos básicos, como está a facer na Xunta de Galiza, pero nós non, para nós o prioritario é atender á xente, que as persoas estean atendidas”, insistiu o tenente alcalde, que lembrou que nos orzamentos municipais dos últimos anos foise incrementando ano a ano a partida de servizos sociais a petición do BNG para cubrir a demanda básica de servizos sociais do 100% da poboación.

Antón Bao afirmou que o Concello terá que facer o vindeiro ano “un sobreesforzo para seguir cubrindo eses servizos sociais que a Xunta desatende” como consecuencia da redución de fondos para servizos sociais nos orzamentos da Xunta para os Concellos. O tenente alcalde nacionalista insistiu en que a decisión do Concello de non recortar ningún dos servizos que presta demostra que o de Lugo é “un Goberno municipal responsable” fronte ao un Goberno da Xunta “nihilista e irresponsable que abandona aos Concellos e, de maneira indirecta, aos cidadáns, amparándose seguramente en que serán os Concellos os que recibirán as queixas dos cidadáns cando non poidan prestarlles os servizos”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova