Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 3.000 nenos e nenas pasaron polos obradoiros do Samaín, que rematou cunha procesión de ánimas polo adarve da Muralla


# Luns, 31/10/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Parte das actividades organizadas para a tarde e a noite de hoxe tiveron que ser trasladadas aos Xardíns da Deputación por mor do mal tempo

Pese a chuvia, ducias de cativos participaron pola tarde na praza da Soidade nos obradoiros de cabazas, recortables e pintado de facianas organizados polas asociacións de recreación castrexa Trebas Galaicas, Caetra Lucensium, Lugdunum e Lucus Equites

A chuvia non puido co Samaín. Pese ao mal tempo, ducias de nenos e nenas participaron esta tarde nos obradoiros e as actividades organizadas pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua en colaboración con catro asociacións culturais especializadas na reconstrución histórica do mundo castrexo (Trebas Galaicas, Caetra Lucensium, Lugdunum e Lucus Equites). En total, durante toda a fin de semana pasaron por estes obradoiros de cabazas, recortables de papel, pintado de facianas e globoflexia máis de 3.000 nenos e nenas nos actos organizados dende o sábado 29 ata hoxe en distintas prazas da cidade (Praza da Milagrosa, Praza de Augas Férreas e Praza da Soidade).

O mal tempo desluciu os actos organizados para hoxe, o día propio do Samaín, e obrigou a trasladar á carpa instalada nos Xardíns da Deputación parte da programación prevista, como a actuación de Cándido Pazó cos seus contos de medo, o conxuro da queimada ou o concerto do grupo de música celta Milesios, pero non puido coa procesión de ánimas polo adarve da Muralla, que se celebrou tal como estaba prevista, cunha comitiva de vivos e mortos que portaban cabazas alumeadas con velas que foron depositando en distintos puntos da Muralla.

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destacou a grande participación de nenos e nenas nas actividades programadas e agradeceu o esforzo e colaboración ás catro asociacións organizadoras. Bao xa adiantou que a celebración do Samaín contará de novo co apoio do Concello o vindeiro ano. Outro factor que destacou o tenente alcalde é que as actividades, que foron gratuítas e abertas a todo o público, tiveron lugar en distintos puntos da cidade e en colaboración co tecido asociativo lucense, neste caso, catro asociacións que traballan no eido cultural e da recreación histórica.

Obxectivo: a recuperación dos ritos e as tradicións galegas

A tradición do Samaín, que comparten con Galiza outras nacións de orixe celta como Bretaña, Escocia, Gales ou Irlanda, significa etimoloxicamente a fin do verán e celebrábase para honrar a recollida da última colleita e o regreso dos rebaños aos cortellos. A esa transición cara o inverno, e que supoñía o regreso aos lares, tamén vinculaban o retorno dos mortos ao mundo dos vivos e, durante esa noite máxica, os dous mundos convivían a través dunha serie de rituais no que os celtas mesturaban gastronomía, lume e contos para lembrar aos defuntos.

Estes costumes, co paso do tempo, perduraron asociados á celebración do día dos defuntos a través de tradicións como os contos de mortos, a súa lembranza con visitas aos cemiterios ou os doces propios da festa, como os chamados “ósos de santos”. Ademais, a propia antropoloxía do ser galego determina unha especial relación coa morte, moi presente na nosa cultura a través da tradición literaria e artística, e da propia concepción da vida. Por iso, non é de estranar, que o Samaín non desaparecera en Galiza e que se conserve a súa tradición en lugares como Bretoña, a Mariña ou na zona de Quiroga. Fóra de Lugo, está a ser recuperada en zonas de Ourense, Cedeira ou Pontevedra.

Este movemento de recuperación das tradicións é un dos obxectivos da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e, por iso, este ano organizouse por vez primeira á celebración do Samaín cunha completa programación vinculada a esta tradición. Segundo explicou o edil nacionalista Antón Bao “esta iniciativa de celebrar o Samaín supón algo tan sinxelo, pero fundamental, como recuperar os nosos ritos, aqueles que nos son propios como pobo.”




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova