Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acollerá en Nadal a única actuación en Galiza do espectáculo "CantaJuego", o musical que dende 2004 revoluciona o lecer infantil


# Luns, 31/10/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A representación, que foi presentada esta mañá polo tenente alcalde, Antón Bao, e o responsable de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, terá lugar o 4 de xaneiro no Pazo Provincial dos Deportes

É un proxecto pedagóxico-teatral para nenos e nenas de 0 a 6 anos e está considerado o fenómeno da década nos musicais infantís

As entradas, a partir de 10 euros, xa están á venda a través de NovaGalicia Banco


Lugo acollerá en Nadal a única actuación en Galiza do espectáculo infantil Cantajuego. O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá xunto ao responsable da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e a Jorge López, representante de Esmerarte, a empresa promotora do espectáculo, o musical infantil ‘Nadal na Aldea Encantada’ de CantaJuego, que se representará en Lugo o día 4 de xaneiro de 2012 no Pazo Provincial dos Deportes. O tenente alcalde nacionalista destacou que se trata “dunha oportunidade extraordinaria para levar aos máis pequenos a gozar dun espectáculo de referencia no lecer infantil, xa que será a única actuación de CantaJuego en Galiza”.

Bao explicou que CantaJuego é un proxecto pedagóxico-musical en formato teatral e audiovisual, desenvolto por especialistas na estimulación psicomotriz e no traballo psicopedagóxico, que estimula a imaxinación e a fantasía con fin de potenciar o mundo afectivo e as relacións sociais entre os máis pequenos. O proxecto naceu no ano 2004, cando os directores de DiverMusic decidiron lanzar o primeiro volume de CantaJuego, que consistiu nun DVD e CD musicais cunha revisión do cancioneiro popular infantil español e iberoamericano. Pouco a pouco e mediante o boca-orella, foi coñecéndose nos centros educativos e nas gardarías e grazas ao éxito nestes ámbitos, o proxecto chegou directamente ás familias, que, dende entón, poden compartir na casa as actividades dun lecer creativo que reforza o desenvolvemento educativo e a integración. En pouco tempo, a proposta alcanzou un alto grao de aceptación e fixo de CantaJuego o fenómeno infantil da última década. As cifras o confirman e dende a primeira xira que ofreceu en 2008 acumula máis de 150.000 espectadores. Nas máis de 40 representacións en 2008 e durante os seis meses que permaneceu en cartel no 2009 cada día colgou o cartel de “entradas esgotadas”.

Este espectáculo está deseñado especialmente para o público infantil, sobre todo para nenos de 0 a 6 anos, xa que propón unha serie de números que favorecen o desenvolvemento do sentido rítmico, do movemento, o xesto e a expresión corporal, ademais de educar o oído e a voz a través da música, o canto e o baile. Ademais, ofrece aos adultos a oportunidade de compartir cos seus fillos un espectáculo interactivo, pois os contidos do concerto están especialmente deseñados para que os pequenos reproduzan os movementos dos actores e protagonicen as coreografías. Enlazadas por un divertido e abraiante fío condutor, as cancións de CantaJuego son interpretadas polos membros do Grupo EnCanto, que non están solos, senón que aparecen en escea acompañados polos personaxes favoritos dos máis pequenos, creando unha grande variedade de atmosferas e desatando emocións en cada momento.

Cantajuego traerá a Lugo un espectáculo especial, ‘Nadal na aldea encantada’

Os CantaJuegos deseñaron un espectáculo especial para celebrar o Nadal na súa casa, na Aldea Encantada e chegarán a Lugo acompañados dos seus grandes amigos, Coco, o burrito Pepe, Buby, o pallaso Tallarín e moitos máis. Moito traballo espéralles para preparar unha festa tan importante, pero recibirán unha axuda máxica e inesperada coa que non contaban.

Ademais, como todos se encontran lonxe, terán que emprender unha longa viaxe para chegar a tempo á celebración: trens, avións e trineos máxicos serán os encargados de xuntar este divertido grupo de singulares personaxes, nun colorido espectáculo cheo de música, ritmo e humor, cunha abraiante posta en escena sen precedentes.

A representación en Lugo terá lugar o día 4 de xaneiro de 2012 ás 18:30 horas no Pazo Provincial dos Deportes. As entradas xa están dispoñibles nos canles de venda de NovaCaixaGalicia a partir de 10 euros. O pazo conta cun aforo de 4.300 localidades numeradas para esta representación.

Unir esforzos entre institucións para aforrar custos

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o tamén nacionalista Mario Outeiro, destacou pola súa banda a boa sintonía existente entre ambas institucións e falou da necesidade de programar “actividades que xunten a toda a familia entorno aos nenos e nenas” e explicou que “as actividades que desenvolve Cantajuego teñen unha altísima aceptación entre o seu público obxectivo, os nenos e nenas, xa que así o demostran as cifras de vendas de material audiovisual coas súas creacións e a cantidade de persoas que se achegan aos seus espectáculos”. Por todo isto, Mario Outeiro afirmou que “agardamos que esta actividade sexa un éxito de público, como todo nos fai indicar que será pola expectación que está a despertar”.

Mario Outeiro comezou destacando a importancia que ten, nestes tempos de crise, unir esforzos e crear sinerxías entre institucións para poder levar a cabo proxectos deste tipo cos menores custes. Segundo indicou Mario Outeiro, desde a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, ademais de programar directamente actividades culturais e poñer en marcha proxectos en colaboración co tecido asociativo cultural, tamén colaboramos coas entidades locais para promover actividades culturais. Neste caso, estamos dando o noso apoio ao desenvolvemento da actividade de “Cantajuego: Nadal na Aldea Encantada”, que será un espectáculo musical infantil único, unha actividade de calidade para os nenos e nenas e as súas familias. Tanto é así que Lugo será a única cidade de Galiza na que se poderá ver este espectáculo”.

Luns
Luns


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova