Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Infraestruturas prevé ter rematado en 10 días as obras de reasfaltado da Avenida da Coruña


# Mércores, 02/11/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Os traballos, que comezaron esta mañá, obrigarán a realizar cortes graduais de tráfico nos distintos tramos a medida que avancen as obras e só estará permitida a circulación para os buses urbanos e os veciños que residan na zona

Unha vez que rematen as obras avaliráse a conveniencia de convertir en unidireccional esta avenida, tal como está previsto no Plan de Mobilidade


A Concellería de Infraestruturas, que dirixe a nacionalista Paz Abraira, ten previsto que en 10 días estean rematados os traballos de reasfaltado que se están a acometer na Avenida da Coruña. As obras, que comezaron esta mañá, obrigarán a realizar cortes graduais no tráfico en distintos tramos a medida que avancen os traballos, segundo explicou hoxe Paz Abraira na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

Os traballos de repavimentación na Avenida da Coruña comezaron hoxe no primeiro tramo, que vai dende a intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo ata a Rúa Carabel, o que obrigou a cortar a circulación neste tramo. Non estará permitido o tráfico ata cando menos o sábado día 5 no tramo sinalado, agás para os buses urbanos e os veciños, estando sinalizados os desvíos pertinentes.

Aínda que o prazo de execución da totalidade das obras previstas é de 3 meses, a concelleira de Infraestruturas dixo hoxe que “se as condicións climatolóxicas o permiten, en 10 días estará rematado o groso das obras, é dicir, o proceso de fresado e rexeneración do firme desde Paulo Fabio Máximo ata a Rúa Perpetuo Socorro”.

Minimizar as molestias aos veciños

Segundo avancen as obras iranse abrindo os tramos renovados e pechando aqueles nos que se traballe, coa finalidade de que as molestias ás usuarios e veciños desta vía sexan os menos posibles. A concelleira da área de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, adiantou que desde a concellería que ela dirixe terase especial preocupación por que as obras que se realicen as molestias aos veciños sexan mínimas. Procurarase que os veciños conten coa maior información previa posible coa finalidade de poder planificar itinerarios alternativos aos habituais de ser necesario, polo que ademais de informar polos medios de comunicación a web da Concellería manterá información sobre os diferentes cortes.

Paz Abraira pediu xa desculpas anticipadas aos veciños polas molestias pero pediulles que entendan que é necesario cortar o tráfico nas diferentes zonas nas que se vai a traballar pero dixo que “para minimizar no posible estas molestias irase cortando en tramos pequenos”. Paz Abraira lembrou que se trata de obras importantes que servirán para mellorar a seguridade viaria tanto dos peóns como dos condutores que teñen un orzamento de 221.000 euros.

Esta obra forma parte dun convenio asinado coa Deputación Provincial no marco dunha serie de actuacións que está levando a cabo o Concello para renovar o pavimento daquelas avenidas deterioradas polo desgaste e a antigüidade. O investimento total para estes traballos é de 500.000, que son aportados mediante un convenio coa Deputación Provincial, e estase a actuar en tres dos principais viais da cidade (Avenida da Coruña, Ronda de Fingoi e Avenida Paulo Fabio Máximo).

O Concello retomará o Plan de Mobilidade o vindeiro ano

A concelleira nacionalista tamén explicou que unha vez rematadas as obras de reasfaltado previstas será o momento de estudar a conveniencia de converter en unidireccional a Avenida da Coruña, tal como está previsto no Plan de Mobilidade elaborado polo Concello. Paz Abraira indicou, a preguntas dos xornalistas, que o Concello retomará no ano 2012 o Plan de Mobilidade co obxectivo da súa implantación progresiva. Indicou que se comezará por converter en zonas 30, zonas de circulación reducida, zonas como o campus universitario, Recatelo ou o Barrio Feijóo.

Asimesmo indicou que o obxectivo é “reactivar” tamén o ano que vén a Axenda 21, con medidas destinadas á mellora do espazo urbano. “Estamos traballando xa dende a área de Infraestruturas na humanización do espazo público, dotando de mobiliario distintas rúas e prazas da cidade”, avanzou Paz Abraira, que afirmou que “a situación económica pola que están pasando os concellos dificulta as actuacións previstas e non permite acometelas todas no mesmo ano, polo que será necesario unha planificación de cara a acometelas no ano 2012 e sucesivos”.

Licenza para un edificio na rúa Chantada

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión de varias licenzas, acordos dos que deu conta o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez. Unha delas é para a construción dun edificio na rúa Chantada. A obra ten un orzamento previsto de case que 404.000 euros e o prazo de execución é de trinta meses. Tamén autorizou a licenza para a construción dunha vivenda unifamiliar illada nas Areeiras-Louzaneta. Neste caso o orzamento previsto supera os 192.000 euros e o prazo é de trinta meses.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova